O xurado da 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego decidiu conceder o Premio MICE ao Mellor Filme a Neiti Aika, da realizadora finlandesa Elina Talvensaari, “pola súa proposta de historia de vida dunha persoa que xa non está, realizada desde á recuperación da cultura material, cun traballo de investigación minucioso e cun ollar persoal e poético sobre o tempo e a memoria tocando diferentes esferas da condición humana”.
Composto por Bibiana Martínez Álvarez (doutora en Antropoloxía Social e investigadora no Grup d’Estudis sobre Reciprocitat da Universitat de Barcelona e no Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña); José Manuel Sande (xestor cultural, activista, docente e programador de cinema do CGAI Filmoteca de Galicia); e Filipe Martins (doutor en Semiótica Social, profesor na Escola Superior de Media Artes e Design e director do festival Family Film Project do Porto) o xurado tamén acordou facer unha Mención Especial ao filme De los nombres de las cabras, de Miguel G. Morales e Silvia Navarro, “pola súa condición de ensaio que integra a Historia e a etnografía a través dunha riqueza de materiais ao tempo que amosa unha brillante concepción da montaxe e o deseño sonoro”.
O Premio ao Mellor Filme Galego nesta 16ª edición da MICE é para a peza A miña Terra, de Santiago D. Risco, “pola abordaxe sobria dun tema complexo e a reflexión sobre o territorio, a herdanza e a familia a través dun bo exercicio de observación con elementos poéticos”. Santiago D. Risco, que recolleu o premio este sábado no Museo do Pobo Galego, estudou cine documental en Barcelona, cidade onde vive actualmente. En 2014 co-dirixiu Playing Somewhere Over the Rainbow, que se estreou no Festival Visions du Réel e foi seleccionado no NeMaf (Corea del Sur) ou o CurtaCinema (Brasil), entre outros festivais. Traballou no documental Goodbye Ringo, de Pere Marzo, que gañou o Premio Documental do Público de Sitges en 2018, e forma parte do colectivo de cine analóxico Laboratorio Reversible.
O xurado AGANTRO, da Asociación Galega de Antropoloxía, constituído por Guadalupe Jiménez-Esquinas (antropóloga, doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018) e na actualidade profesora de Antropoloxía Social e Cultural na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela), Joan Roura (licenciado en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade de Barcelona, membro do grupo de investigación do Centro de Estudos sobre Culturas Indíxenas e Afroamericanas) e Carlos Diz (doutor en Antropoloxía pola Universidade da Coruña, onde dá clase, forma parte do Grup de Recerca en Exclusió i Control Socials da Universitat de Barcelona) decidiu conceder o premio á excelencia antropolóxica, o Premio AGANTRO, a Como el viento, de Raquel Ruiz “por retratar con profundidade, rigor e sensibilidade etnográfica as dinámicas cotiás dunha comunidade xitana en Arxentina”.
O xurado AGANTRO valorou que este documental é o resultado dun traballo de campo prolongado que describe e acompaña, viaxando dos lugares e relatos máis íntimos á esfera pública e colectiva. Entre a observación-participante e a historia de vida, o filme percorre lugares e experiencias varias: a intimidade das mulleres e as disonancias interxeracionais, a violencia e os episodios de discriminación, os cultos relixiosos e a vida económica e social. Cunha narración clara e estruturada e cun bo coidado das imaxes e das relacións, Como el viento ofrece un retrato identitario complexo capaz de adentrarse no interior da comunidade e deixar, mediante as súas prácticas e contradicións, que esta fale de si mesma.
Pola súa parte, o xurado da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) outorgou este primeiro Premio CREA da MICE ao filme A poeta analfabeta de Sonia Méndez, que aborda a vida da compostelana Luz Fandiño, “pola súa solvencia na elaboración dun filme biográfico que retrata unha personalidade singular, mestura con acerto diferentes materiais e apela ao propio proceso de traballo”. A produtora do filme, Nati Juncal, de Cósmica Poducións, recolleu o premio este sábado no Museo do Pobo Galego.
Nesta 16ª edición da MICE o Premio do Público recaeu no documental de Manuel Pedrosa rodado no Macizo Central ourensán Entre Pastores e Lobos. Como foi certame híbrido, contáronse os votos pases presenciais dos filmes no Museo do Pobo, no Teatro Principal e mais no cinema NUMAX, ademais dos votos emitidos a través de internet co visionado das películas na plataforma Festhome, que se manterá activa ata que remate o domingo, 11 de abril.