A terceira xornada da 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) contará este xoves 8 de abril coa proxección do documental de Sonia MéndezA poeta analfabeta, centrado na poeta e activista Luz Fandiño, que compite na Sección Oficial do festival. O filme proxectarase ás 20h00 no Teatro Principal e contará coa presenza da directora e mais da súa protagonista, así como da produtora do filme, Nati Juncal. Esta película achégase á figura de Luz, unha persoa fondamente política e cunha humanidade excepcional para coñecer o seu mundo, a súa escrita e que a move a facelo. Un avance deste documental puido verse no festival Play-Doc de Tui, mentres que a súa estrea foi no Cineuropa en Santiago de Compostela.
A actividade deste xoves comeza ás 17h00 no Museo do Pobo co filme de Elina Talvensaari, Neiti aika. A concurso na Sección Oficial da MICE, este documental finlandés pretende manter viva a memoria de Sirkka-Liisa Miettinen, a dona do apartamento que mercou a directora, sen descendencia que reclamase as súas posesións. Neiti aikapasou polo IDFA de Amsterdam e terá na MICE a súa estrea en España. Tamén da sección a concurso son os filmes La Fôret,de Mortada Ouahib e Lo Thivolle, e Viagem aos Makonde, de Catarina Alves, que se proxectan ás 19h00 tamén no Museo do Pobo. Na coprodución franco-marroquí de La Fôret asistimos ás vivencias dos migrantes que se atopan no bosque de Oujda. Esta curta levou un premio ex aequo noFestival des Cinémas Différents et Expérimentaux de París no pasado ano 2020. Na mesma sesión estrearase en Galicia o filme con capital de Portugal e Mozambique Viagem aos Makonde, un achegamento para coñecer ao pobo makonde e a súa evolución no tempo grazas as gravacións e fotografías realizadas pola antropóloga Margot Dias entre 1958 e 1961. Este documental levou o primeiro premio no Festival Internacional de Filme Etnográfico Recife (Brasil).
Dúas películas das seccións paralelas Trazas e Impropias
Nesta terceira xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico estrearase en Galicia Ejercicios de memoria, de Paz Encina. Esta película, seleccionada pola programadora da Sección Impropias, Carolina Astudillo, proxectarase ás 18h00 no Teatro Principal. Ejercicios de memoria trata de introducirse na historia e na memoria familiar do opositor político Agustín Goiburú, a figura máis importante ao réxime de Stroessner en Paraguai, que desapareceu en 1976 en Paraná, na provincia de Entre Ríos (Arxentina), onde vivía exiliado. Este documental de 2016 estreouse mundialmente na 64ª edición do Festival de Cine de San Sebastián.
Ás 17h30 no cinema NUMAX pasarase O teito da balea, do cineasta Raoul Ruiz. Un filme que forma parte da Sección Trazas programada polo Cineclube de Compostela, que nesta 16 edición ten o fío conductor o tema lingüístico. Esta película de 1982, conta a historia de Jean, un antropólogo holandés e a súa muller Eva, na súa viaxe á Patagonia para estudar a lingua dos dous últimos indios yachanes. O teito da balea rodouse en Holanda en seis linguas distintas (incluída unha inventada), durante unha semana aproximadamente e sen guión, Trátase dunha sátira do imperialismo cultural, achegándose desde a fábula a conceptos como a alienación, o etnocentrismo ou a apropiación cultural.