Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego presenta a sección fóra de concurso da súa 16 edición. A MICE abrirá o martes 6 de abril no Teatro Principal coa pre-estrea do documental Negro Púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda) e que distribuirá Begin Again Films. Este filme retrata diferentes relatos a partir do cláviceps purpúrea, un fungo que agroma nos cereais. Estas testemuñas mostran unha historia curiosa, descoñecida e importante no devir da nosa cultura e no desenvolvemento económico galego do século XX. Fóra de competición tamén se proxectará a curta Os corpos de Eloy Dominguez Serén, que terá a súa estrea galega na MICE, e o pase da mediometraxe Do not lean on door, un work in progress do artista Vicente Vázquez.
A 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que terá lugar do 6 ao 10 de abril de 2021, conta co apoio do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña, da AGADIC e da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
O fungo alucinóxeno que marcou unha época
A pre-estrea de Negro púrpura será a sesión inaugural da 16 edición da MICE. As compoñentes da produtora Illa Bufarda, Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades, realizan nesta película unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo, etc). O filme vai da sabedoría popular á ciencia. A historia do cláviceps purpúrea conecta Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular.
Recolectores e recolectoras, feirantes, parteiras, científicos, empresarios, labregos e labregas relatan a súa experiencia con este fungo. O documental, que conta coa curiosidade de ter a primeira banda sonora composta de theremin para un filme no Estado, foi rodado entre 2018 e 2020. Negro púrpura pasou por vilas como As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Allariz, Panxón (Nigrán), Olas (Mesía) e Dacón (Maside), e polas cidades de Vigo e Santiago de Compostela. Na pre-estrea do documental, que distribuirá Begin Again Films, contaremos no Teatro Principal coa presenza das directoras e parte do seu equipo.
Estrea galega de Os corpos
A curtametraxe Os corpos terá na MICE a súa estrea en Galicia nunha proxección especial que contará coa presenza do seu director Eloy Domínguez Serén, a produtora Beli Martínez e unha representación dos entroidos de Laza e Maceda. Esta curtametraxe documental, producida por Filmika Galaika, vén de pasar por festivais internacionais e nacionais de prestixio como o IDFA de Amsterdam, Clermont-Ferrand ou o FIC Xixón. A peza achéganos dun xeito inmersivo e envolvente á apoteose dos festexos e do ambiente do Entroido ourensán, acompañando aos folións, ás baixadas e ao alumado dos fachos durante as multitudinarias escenas nocturnas, e mergullándonos no éxtase dunha marea humana arrebatada polo estrondo dos tambores. Unhas imaxes que adquiren un significado adicional ao saber que esta celebración tivo lugar a finais de febreiro de 2020, só dez días antes do primeiro caso confirmado da Covid-19 en Galicia. A proxección do filme irá acompañada dun debate no que se afondará na tradición do Entroido ourensán e nas súas raíces culturais e etnográficas.
Próximo traballo de Vicente Vázquez
O artista Vicente Vázquez manterá un diálogo audiovisual arredor da mediometraxe Do not lean on door [work in progress], que se compón de imaxes rexistradas co seu teléfono móbil na rede de suministro de persoas máis grande do mundo, o metro de Nova York. Concretamente, as imaxes foron gravadas a semana do black friday no interior dos vagóns das liñas 3, 4 e 7.
A proxección e o encontro terán lugar o martes 6 abril, de 16:30 a 19:00 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego. Vicente Vázquez (co-fundador da cooperativa de artistas Tractora Coop. con sede en Bizkaia) contextualizará este traballo apoiándose nos descartes de imaxes e audios que está elaborando xunto ao artista Miguel Prado Casanova. As entradas para asistir a esta sesión pódense retirar de xeito gratuíto a través da plataforma Vivetix. O aforo será limitado e controlado.