Palmarés 15ª Mostra Internacional de CInema Etnográfico – Museo do Pobo Galego

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2020. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego entregou hoxe os premios correspondentes á súa 15ª edición. O documental The season when velvet antlers get ripe, [A tempada do veludo] da realizadora rusa Galina Leontieva acadou o premio á Mellor Película Etnográfica:“pola capacidade de inmersión que trasmite a película a partir dun traballo cinematográfico coidado e suxerente. Pola representación brillante dun contexto que xenera unha reflexión a partir da producción de veludo de cervo desvelando as súas relacións globais”. 

O xurado, formado por Jorge Moreno (antropólogo, cineasta e director do proxecto Mapas de Memoria); Iván Cuevas (xornalista, filólogo e fundador do Cineclube de Compostela) e Xisela Franco (cineasta, documentalista e docente), decidiu ademais facer unha mención especial ao documental Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn polo “emprego dunha linguaxe que permite repensar o material de arquivo coa intención de deconstruir certas miradas establecidas”.

Por outra banda, o premio á Mellor Película Galega recaeu en Hamada, de Eloy Domínguez Serén. O xurado destacou dela “a mirada cinematográfica coa que realiza un retrato empático e profundo da realidade que vive unha xeración de mozos nos campos de refuxiados saharauis”.

Pola profundidade antropolóxica, a vontade holística e a vocación de compromiso a Asociación de Antropoloxía Galega decidiu dar o premio AGANTRO a Une nouvelle ère, de Boris Svartzman por ser un documental “cunha incrible sensibilidade etnográfica que retrata dunha forma densa e profunda as complexidades dos procesos de desprazamento forzoso na China contemporánea. O documental revela con pericia os efectos das dinámicas do capitalismo e a globalización sobre os modos de vida e subsistencia dos protagonistas, dende un achegamento íntimo e sensible ao seu sentido do mundo, modos de subsistencia e repertorios de mobilización e resistencia”. A xurado AGANTRO, formado este ano por Bibiana Martínez, Carlos Diz e Joan Roura, tamén decidiu facer unha mención especial a Hamada, do galego Eloy Domínguez Serén.

Por último, o público outorgou o premio do Público desta 15 edición da MICE a Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo. Unha curta que nos fai viaxar pola tradición oral do rural galego da man de Carmen, que nos conta historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade e que están atravesadas pola costume e o folclore.

A MICE conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación Provincial da Coruña, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e Xunta de Galicia.

As películas gañadoras desta 15 edición pasáranse nos vindeiros días na canle de Vimeo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.

PALMARÉS

  • Premio á Mellor Película Etnográfica (dotado con 1000 euros, diploma e trofeo) foi para The season when velvet antlers get ripe, [A tempada do veludo] da rusa Galina Leontieva.
  • Mención especial ao documental Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn.
  • Premio do xurado á Mellor Película Galega (dotado con 700 euros, diploma e trofeo) para Hamada, de Eloy Domínguez Serén.
  • Premio AGANTRO (dotado con 500 euros e trofeo): Une nouvelle ère, de Boris Svartzman. 
  • Premio do público para Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo.