O cine galego protagonista das últimas dúas xornadas da 15ª MICE

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego continúa este xoves 27 de agosto coa programación da MICE en liña na que se porán a disposición do público as catro últimas películas internacionais na canle de Vimeo do Museo do Pobo Galego. Neste sentido, contaremos con catro novas estreas en España. A primeira delas é Terra, un documental realizado polo xaponés Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres que nos traslada ao Alentejo, lugar onde aínda funcionan dous fornos de terra nos que se realiza carbón vexetal. Esta peza levou o Premio DocLisboa ao Mellor Filme da competición portuguesa. Tamén se poñerá en aberto Research / Souvenir (Dialogues), de Roger Horn. Un filme que emprega metraxe atopado de Rodesia (Zimbabwe) e audios dunha investigación etnográfica sobre mulleres emigrantes cimbabuesas en Cidade do Cabo. A primeira parte revela os pensamentos persoais e os desafíos afrontados polo cineasta no traballo de campo; a segunda, volve sobre as participantes proporcionando un contexto político e económico ao éxodo actual de cimbabueses que levou á caída do presidente Robert Mugabe en novembro de 2017.

Tamén se poderá ver Sezon Sozveranija Pantov [A tempada do desmoche], da realizadora rusa Galina Leontieva no que se documenta de forma espida o proceso completo de “recolección” do veludo de asta, intercalando as charlas dos traballadores con panorámicas das paisaxes de montaña da rexión de Altai. Por último, pechan a Sección Oficial Internacional as dúas primeiras partes de Processi da realizadora italiana Adriana Ferrarese. Estas pezas documentan como se vive a fe na Semana Santa en Corigliano e na procesión marítima da Madonna della Neve, ambas festividades de Calabria, sur de Italia. Nelas, as vidas diarias dos habitantes mestúranse co acto relixioso seguido coa máxima devoción. Estes documentais estarán dispoñibles para visualizar na canle de Vimeo ata o sábado 29 de agosto. 

Estrea en primicia de Dorothé na Vila

O documental Dorothé na Vila terá a súa pre-estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 na MICE logo de esgotar en dez minutos os convites de asistencia o pasado luns 17 de agosto.Este proxecto, de Alejandro Gándara, Olaia Tubío e Rubén Gasalla, con Lucía Estévez na edición, recibiu o Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo GalegoDorothé na vila percorre varios lugares de Galicia (Pedrafita do Cebreiro, Carnota, A Fonsagrada ou Tordoia), para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida. En caso de choiva, a proxección moverase ao Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Proxeccións das películas galegas a concurso no Teatro Principal 

O xoves 27 de agosto proxectarase Hamada de Eloy Domínguez ás 20h00 no Teatro Principal. Esta película traza un retrato insólito dun grupo de rapaces que viven nun campamento de refuxiados no medio do deserto do Sáhara. Xuntos usan o poder da creatividade e a diversión para denunciar a realidade que os rodea e expandirse alén dos límites do campamento. Hamada foi premio á Mellor Película española na 56ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixón e premio á Mellor Primeira Película no Festival Cinéma du Réel. A proxección terá presentación e coloquio posterior co seu director.

Ao día seguinte, venres 28 de agosto ás 20h00, o realizador Antonio Caeiro estará no Teatro Principal para presentar Eu tamén necesito amar, un documental que relata as historias de como un estado ditatorial se introduciu dentro dos corpos das mulleres que naceron arredor da Guerra Civil española. O filme é o relato vital, físico e íntimo tanto da nai do director como doutras moitas outras mulleres no seo dunha sociedade que acababa de entrar nunha ditadura que duraría 41 anos, e que facían delas unhas invisibles. As entradas para estas dúas sesións poden retirarse na billeteira do Teatro Principal en horario de 18h a 20h.