A 15ª MICE acolle a estrea galega da curta Xoves de Comadres de Noemi Chantada

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego continúa este mércores 26 de agosto coa programación da MICE en liña na que se porán a disposición do público outras catro novas películas internacionais na canle de Vimeo do Museo do Pobo Galego. Neste sentido, contaremos coa estrea en Galicia de How about having a fascination of mind? das directoras de Katti Jisuk Seo e Finnja Willner. Un documental que nos achega a obsesión que teñen en Corea do Sur coas tendas de DVD, coas faccións occidentais e a caca. Unha viaxe na que emerxe o desexo de coñecer mellor Corea do Sur, fogar dos antepasados de Katti Jisuk Seo. Este filme foi gañador do Etnovideográfica de 2019, festival promovido polo Museo Etnográfico de Castilla y León. Tamén se poderá ver o documental iraní Khatemeh, de Mehdi Zarei e Hadi Zarei, que nos achega a dura historia  de vida de Khatemeh, unha rapaza afgá de 14 anos que foi forzada a casar co viúvo da súa defunta irmá e que acaba por converterse nunha refuxiada da organización gobernamental de servizos sociais de Shiraz. Por outra parte, tamén se poderá ver Quartier Nomade, da belga Alexandra Rice, unha incursión da cineasta na propia comunidade de feirantes que todos os anos atravesan o país dende Flandes ata Valonia. Este filme cuestiona a tradición inconsciente que atravesa  a este ‘barrio nómade’ e retrata a unha comunidade ameazada e en perigo ante as regulacións da cidade e o descrédito da cultura popular. Por último, Une nouvelle ère un documental gravado en Guanzhou, unha illa de río ao sur de China, no que desafiuzaron a todos os veciños por un novo proxecto de ordenación urbanística. Durante sete anos, o seu director Boris Svartzman filmou a súa batalla dende o momento das ruínas da aldea onde a natureza se reafirma aos poucos ata as obras da mega cidade que avanza cara eles. Estes documentais estarán dispoñibles para visualizar na canle de Vimeo durante 48 horas. 

Sabela Souto, directora de Santa Baia de Montes, e Ana Estévez, directora da MICE.

Sesión de curtas Impropias no Parque de Bonaval 
 

Nesta segunda xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo terá lugar ás 22h da noite no Parque de Bonaval a proxección de tres curtas Impropias, sección centrada na memoria tanto histórica como das mulleres. Nesta sesión proxectarase De monstruos y faldas, da realizadora e investigadora Carolina Astudillo, unha obra que foi galardoada como Mellor Documental Experimental no Female Eye Film Festival de Toronto en 2009. Coincidindo coa súa estrea nesta edición de 2020 do Festival de Málaga chega a Bonaval Xoves de Comadres de Noemi Chantada, curtametraxe que vén de gañar a Mostra de Cinema Rural al Pallars e que terá na MICE a súa estrea galega fóra de competición. E, por último, Santa Baia de Montes, da ourensá Sabela Souto, unha peza que nos traslada a esta aldea do concello de Cualedro e aos sus veciños e as veciñas. Esta curtametraxe recibiu o Premio Especial do Público no Festival Internacional Vía XIV de Verín. Para esta sesión as entradas están esgotadas.