Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020. O Museo do Pobo Galego acollerá este sábado 29 de febreiro ás 12h30 a inauguración da exposición ‘As pequenas cousas’, unha idea da iniciativa Mapas de Memoria, que poderá verse por primeira vez en Galicia no marco da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Na inauguración intervirán Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, concelleira responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago; Jorge Moreno Andrés, un dos comisarios da mostra e Carmen García-Rodeja, representante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
A exposición ‘As pequenas cousas’ recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. Esta mostra, cuxo núcleo orixinal está formado por doce paneis, incorpora grazas a coordinación técnica de persoal do Museo do Pobo Galego novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). ‘As pequenas cousas’ poderase visitar de xeito gratuíto ata o 19 de abril no Museo do Pobo Galego.
As pequenas cousas de Galicia
O listado de obxectos que se poderá ver na exposición é variado nas formas en que recolle a memoria da represión. Entre eles, uns botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado no ano 1938, extraídos na exhumación de Castroncelos (Pobra do Brollón). Tamén unha reprodución do retrato que realizou o arquitecto Jordi Tell ao artista Mario Granell no cárcere da Coruña. A lembranza das Marías, iconas da resistencia á represión franquista en Santiago de Compostela, estará tamén presente pola relevancia do proceso de recuperación colectiva da súa figura. Tamén cómpre tamén destacar unha fotografía de Sandalio Alonso de la Riva, membro do Partido Socialista e alcalde de Boñar, quen conseguiu praza no Winnipeg para ir tralo amor de Rosina, filla de Elpidio Villaverde, político de Vilagarcía de Arousa, quen coñecera uns días antes en Bordeos. O barco Winnipeg fletou a máis de 2000 refuxiados españois a Chile grazas á axuda de Rodrigo Soriano (ex-embaixador republicano español) e ao poeta Pablo Neruda.
Encontro con familiares e presentación de El duelo revelado
Como preámbulo á inauguración da exposición terá lugar ás 11h00 da mañá o encontro e presentación de El duelo revelado, do antropólogo e comisario da exposición Jorge Moreno Andrés, que ademais estará acompañado dos familiares que cederon obxectos a través da ARMH e de O Faiado da Memoria. Este libro, editado polo CSIC, realiza un percorrido pola transmisión da memoria da Guerra Civil e o franquismo a través das fotografías gardadas e conservadas, poñendo en valor estes documentos antropolóxicos que permitiron a moitas familias de persoas asasinadas, desaparecidas, encarceradas ou exiliadas seguir mantendo a súa memoria viva fronte ao empeño do réxime franquista por silencialos.
Máis sobre Mapas de Memoria
O proxecto Mapas de Memoria, impulsado polo Centro de Estudios de Memoria y Derechos Humanos da UNED en colaboración coa Deputación de Ciudad Real, é un espazo de investigación, creación e intervención social que busca xerar coñecemento sobre o noso pasado recente. Facendo uso da metodoloxía etnográfica e historiográfica, e dende a antropoloxía visual, realiza un traballo que busca poñer en diálogo aos familiares con investigadores e arquivos. Faino co obxectivo de explicar as formas culturais na transmisión da memoria; para comprender a violencia e o trauma, e para dignificar ás persoas que foron desaparecidas ou silenciadas.