A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico volve do 25 ao 29 de agosto cun formato mixto e cinema ao aire libre

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2020. A pandemia da COVID-19 forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto en Santiago de Compostela, e cunha fórmula mixta en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña.

A partir do venres 14 de agosto, poderase consultar na web da MICE a programación total desta 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. A información para a retirada de entradas e o aforo dos espazos estarán dispoñibles a partir do lunes 17 de agosto.

Cinema no Parque de Bonaval

Debido ás circunstancias actuais, a programación tivo que mudar e adaptarse á nova situación. Por iso, a organización optou por unha reducción da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego. Dorothé na vila percorre varios lugares de Galicia (Pedrafita do Cebreiro, Carnota, A Fonsagrada ou Tordoia), para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida.

Polo Parque de Bonaval tamén pasará Las Cinéphilas, da arxentina María Álvarez, documental coral sobre un grupo de mulleres xubiladas que aman o cine, que recibiu o Premio do Público no OUFF en 2017. E, por último, unha noite de curtas que proxectará De monstruos y faldas, da realizadora e docente Carolina Astudillo; Xoves de Comadresde Noemi Chantada, que estreará en Galicia esta peza despois de pasar polo Festival de Málaga; e Santa Baia de Montes, a primeira curtametraxe da ourensá Sabela Souto, que recibiu o Premio Especial do Público no Festival Internacional de Curtas de Verín.

Ampliación da mostra ‘As pequenas cousas’ ata o 20 de setembro

Como actividade paralela á Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, pode visitarse a exposición ‘As pequenas cousas’, unha iniciativa de Mapas de Memoria. Esta exposición recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. ‘As pequenas cousas’ ten un núcleo orixinal formado por doce paneis e novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Estará aberta ao público de xeito gratuíto ata o 20 de setembro, en horario de 11h a18h de martes a sábado, e de 11h a 14h os domingos.


UNHA MICE SEGURA

A organización está comprometida coa celebración dun festival seguro para público e profesionais, aplicando os protocolos vixentes, establecendo controis de aforo, hixiene e distancia interpersoal. Ademais, dadas as dinámicas cambiantes na transmisión da COVID-19, a planificación do programa considera os distintos escenarios posibles, para ofrecer en calquera momento a opción máis segura e socialmente responsable.