Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020. Comeza a conta atrás para a celebración da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico – Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 23 ao 29 de marzo de 2020 en Santiago de Compostela.
A docente e antropóloga Adriana Vila Guevara e o creador Vicente Vázquez realizarán nesta décimo quinta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico dous cursos de formación dentro da sección ‘Ollares Intencionados’. A organización adianta con estas dúas propostas, parte das actividades formativas que se desenvolverán durante a MICE, e que apostan pola especialización no campo da etnografía e da antropoloxía audiovisual.
O taller de Adriana Vila Guevara, leva por título ‘Da investigación á creación biográfica‘, e terá lugar durante a tarde do venres 27 de marzo e o sábado 28 durante toda a xornada. Este taller céntrase en achegar unha metodoloxía e os recursos de base etnográfica, pero tamén cinematográfica e creativa, para aproximarse a labor de comprensión do Outro/Outra. Pola outra banda, o seminario ‘O quefacer das imaxes‘ que impartirá o creador Vicente Vázquez durante a tarde do xoves 26 de marzo. Este seminario ten como fin prefigurar novos procedementos do quefacer da arte e a etnografía, ademais de cuestionar ou poñer en suspensión as convencións sociais existentes arredor da cultura do traballo, partindo da visualización dalgúns dos traballos editoriais, audiovisuais e expositivos do autor.
+ INFORMACIÓN Curso do Adriana Vila Guevara: https://bit.ly/37lOPbq
+ INFORMACIÓN Curso Vicente Vázquez: https://bit.ly/38CocjZ