As sesións de Trazas, realizadas en colaboración co Cineclube de Compostela, percorrerán con humor e subversión das normas sociais o cinema dos anos 50 e o modelo colonial, que representa a simplificación e idealización da “civilización” fronte ao “salvaxe”; así como o cinema de finais dos años 80, que pon o foco no explorador ou estudioso occidental.
PROXECCIÓNS
SESIÓN 1. MÉRCORES 12 de marzo, 21.30H. TEATRO PRINCIPAL
Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.

Moustapha Alassane
Níxer, 1966
34 min. VOSE
Jimmy, de volta dunha viaxe polos Estados Unidos, regresa ao seu pobo en Níxer. Trae traxes completos de vaqueiros do “lonxano oeste” como agasallo para os seus amigos. A partir de agora, vestindo segundo a mitoloxía americana, xa non se chamarán Kali, Ibrahim ou Boubakar, senón Black Cooper, James Kelly, Casse-Tout ou mesmo Reine Christine. E, tal e como imaxinan que é unha auténtica banda de vaqueiros, saquearán a rexión, enfadando aos aldeáns.

David e Judith MacDougall
EUA, 1970
15 min. VOSG
1968, unha comunidade de gandeiros Jie en Uganda. A sociabilidade masculina desenvólvese nun campamento gandeiro Jie cando os homes se reúnen baixo unha árbore especial para conversar, relaxarse, durmir ou traballar en útiles de coiro. De súpeto, a conversación céntrase na posesión máis conspicua dos europeos, o vehículo de motor, e o valor relativo dos automóbiles e os homes.

Kidlat Tahimik,
República de Filipinas, 2006
20 min. VOSG
A necesidade e a forma de construír un teito non é de ningunha maneira una cuestión teórica abstracta: “Todo home precisa ter un bo tellado!” Mentres o director Kidlat Tahimik viaxaba por todo o planeta, o que más lle chamou a atención é como a xente de todo o mundo construía as súas cubertas. A definición de Tahimik de “Terceiro Mundo” é: canto depende un da electricidade para vivir a vida. Canta menos dependencia, máis pertences ao “Terceiro Mundo”!
SESIÓN 2. XOVES 13 DE MARZO, 19.00H. TEATRO PRINCIPAL
Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
Sarah Maldoror
Francia, 1981
60 min. VOSE
Nos anos 70, Bokolo e Mamadou, varredores inmigrantes da cidade de París, buscan unha maneira de pagar o retorno a casa dun dos seus compañeiros enfermos. Cando descobren un vello libro de receitas de cociña no lixo, ocórreselles a idea de participar nun programa de xogos que consiste en enumerar con precisión os ingredientes dos mellores pratos da cociña francesa. Así, aprenden de memoria as receitas de prebes, guarnicións e sobremesas.
SESIÓN 3. VENRES 14 DE MARZO, 19.00H. TEATRO PRINCIPAL
Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.

AL-NASR AL-TAIR
José Ernesto Díaz-Noriega
Galicia, 1969
49 min. VO
Con motivo da celebración dunha homenaxe a un xeneral de aviación franquista, de nome Eduardo Pardo, o Concello de Carballo encarga a Díaz-Noriega que remonte imaxes dea cerimonia a modo de filme de propaganda. José Ernesto, armado co seu irreverente sentido do humor, non atende á sincronía entre son e imaxe, poñendo en boca das autoridades locais voces en off provintes de anuncios publicitarios ou exabruptos sacados de contexto, subvertindo en boa medida as intencións da entidade contratante.