PROGRAMA DE achegamento á REALIZACIÓN DE CINEma ETNOGRÁFICO
MICEscola é un proxecto didáctico da MICE dedicado a achegar ao alumnado de secundaria os rudimentos do cinema e do método etnográfico, para usalos como ferramentas de recolla da memoria pasada e tamén do tempo presente.
O obxectivo é darlle ao alumnado as ferramentas técnicas e narrativas necesarias para documentar e narrar a súa visión sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos de fácil acceso e utilización.
O programa, dirixido a alumnado da ESO e bacharelato, está titorizado polo DEAC do Museo do Pobo Galego e as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias. Nesta terceira edición da MICEscola, os centros participantes son o IES de Oroso (Oroso), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame).
Ao longo de varias sesións presenciais nos centros educativos, traballarán as diferentes fases do proceso creativo: a selección dun tema, a escrita dun guión, a elaboración dunha proposta de dirección, a rodaxe e a montaxe da peza final, que se proxectará no Museo marco da programación estendida da 20 MICE.

Curtametraxes realizadas na MICEscola da 19 MICE
FORMADORAS DA MICEscola
CORAL PIÑEIRO
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en pezas documentais como Eu máis eu, sobre a soidade no rural galego; Única, unha reflexión persoal sobre a identidade tendo unha irmá melliza; e Dores, un documental sobre os campos de concentración en Galicia que naceu como o traballo de fin de grao (TFG) coas súas compañeiras Laura Piñeiro (montadora e guionista), Maite Martínez (produtora e guionista) e Clara Miñán (cámara e guionista), co que gañou o premio ao Mellor documental no SOCINE, festival de cine social universitario de Valladolid. En canto á ficción, participou na curtametraxe Desencontro, gañadora do primeiro premio na categoría Fasmuvis do Festival de Cine de Ourense.

BRUNO ARIAS
Director, guionista e montador de Os espazos en branco, a súa primeira longametraxe, estreada en 2023. Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (2016-2020). Actualmente traballa como montador e deseñador gráfico en diferentes proxectos e como educador para a MICEscola.
