Formación e actividades profesionais

Conversa con Pepe Coira 

No verán de 1940. crónica dunha película: o carro e o home

xoves, 13 de marzo, 16:30 H. ala sur (museo do Pobo Galego)

Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.

Unha conversa co creador e historiador do cinema galego Pepe Coira para afondar no modelo de documental etnográfico que representa O carro e o home, e en como as características do mesmo o poñen en relación con outras cinematografías estatais e internacionais que fundamentaron unha forma de facer etnografía coa cámara.

PEPE COIRA

O guionista e creador lucense Pepe Coira, é tamén produtor e director de desenvolvemento con máis de trinta anos de experiencia. Docente no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña, foi profesor da Escola de Imaxe e son desta cidade, así como profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Foi tamén director do Centro Galego das Artes da Imaxe (hoxe Filmoteca de Galicia) ente 1991 e 1998.

Ten no seu haber series de ficción de gran éxito como Mareas Vivas ou moi recentemente Hierro ou Rapa nas que a cultura rural sempre está presente. Pero ademais é un gran coñecedor da historia do cinema galego e un especialista en O carro e o home, o que o levou a publicar o traballo No verán de 1940 (2004) sobre as vicisitudes e Características deste filme.


MESA REDONDA

Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero

Venres, 14 de marzo, 16:30 H. Ala Sur (Museo do Pobo Galego)

CONDUCE A CONVERSA: Bibiana Martínez, doutora en Antropoloxía Social, máster en Antropoloxía e Etnografía, con formación en antropoloxía visual e cinema social.

PARTICIPAN:

Adriana P. Villanueva: integrante de Illa Bufarda, unha produtora nacida en 2012, comprometida coa promoción e a divulgación da cultura desde a linguaxe audiovisual. Encántalle escoitar e observar. Cre que se pode adestrar o ollo para desfacer os movementos en 24 fps e dar vida ao estático. Gústalle descubrir e experimentar coas formas e técnicas para contar historias. 

Sabela Iglesias: integrante de Illa Bufarda. Descubrir o Movie Maker foi un punto de xiro. Fotógrafa e deseñadora gráfica,adora as colaxes, as plantas e as cereixas. Gústalle facer traballo de campo, as gravacións e  escoller unha forma entre mil coa edición.

Mirian Opazo: artista visual cuxa línea de traballo na actualidade consiste na investigación e exploración artística, a través do audiovisual, de temas como a tradición, o rural, a identidade e a memoria, así como as conexións entre eles. Directora da curta Ningún Deus onde fala de máscaras, do carnaval en Galicia, de tradición e herdanza, pero, sobre todo, de identidade. É a autora da imaxe gráfica e da peza audiovisual desta 20 edición da MICE.

Laura Piñeiro: montadora de cinema e televisión, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especializada no seu eido co Máster de Montaxe da Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (ESCAC). Actualmente centra o seu traballo no cinema independente galego.


Conversa con Emilio Fonseca 

Salvaxe, salvaxe. Olladas alén do humano

SÁBADO, 15 DE MARZO, 12:30 H. ALA SUR (MUSEO DO POBO GALEGO)

Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.

Emilio Fonseca compartirá coas persoas participantes no coloquio o proceso creativo da súa longametraxe.

A sección Lindes ten un carácter formativo de interese para aquelas persoas que traballan tanto co audiovisual como coa antropoloxía e a historia, ou que se relacionan con ambas disciplinas.

Emilio Fonseca

Explora relacións entre humanos e non humanos desde a busca da xustiza interespecie, as similitudes e encontros entre comunidades de distintas especies que cohabitamos o planeta. 

Guionista, director, debuxante, animador e docente en ámbitos de imaxe, funda en 2008 Walkie Talkie Films, traballando con linguaxes documentais e experimentais. Autor dos ensaios sobre Antropoceno, simulacro e delirio Somos plaga e Soy muro (da serie de pensamento Soy Cámara (CCCB), o libro Imágenes: un dominio público (VVAA, CCCB, 2020), e as pezas televisivas Queimar o monte e Tallers Sonors. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional Chaco Ra’anga (AECID), creando a banda deseñada documental sobre conflitos ecosociais Verde Invisible (AECID, 2024).

SALVAXE, SALVAXE é a súa primeira longametraxe cinematográfica.