mércores, 12 de marzo, ás 20:30 h. Teatro Principal
Entradas no despacho de billetes da Zona C dispoñibles a partir do 6 de marzo e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
A MICE inaugurará a súa vixésima edición coa presentación da copia dixitalizada do filme fundacional do cinema galego O carro e o home.
A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xaquín Lorenzo, Xocas, e Antonio Román. O filme é un relato da vida do carro como un símbolo da cultura material tradicional galega. Unha obra fortemente influenciada polo cinema soviético e o traballo de Flaherty na que os actores e actrices son os veciños da aldea de Facós, no concello ourensán de Lobeira de onde era Xocas.
En 1980, o etnógrafo ourensán xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego, fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recén dixitalizada coa colaboración de AGADIC e a Filmoteca de Galicia, protagonizará a apertura da MICE, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de colaborar co patrimonio cultural do país.
A proxección contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices.
O carro e o home
Galicia I 1940/1980 I 11 minutos I VO
Produción: P.A.C.E.
Dirección e fotografía: Antonio Román.
Guión: Xaquín Lorenzo e Antonio Román.
Montaxe: Antonio Román e Carlos Serrano de Osma.
Locutor: Ignacio Mateo.
Son: Laffon-Selgas.
Laboratorios: Arroyo.
O carro e o home (copia dixitalizada sobre a montaxe de 1980)
Produción: Praia Lenta Films e Museo do Pobo Galego.
Restauración: Eloy Lozano.
Guión e montaxe: Xaquín Lorenzo e Eloy Lozano.
Texto e locución: Xaquín Lorenzo.
Ambientación musical: Eloy Lozano e Xaquín Lorenzo.