Entrega de premios

Domingo, 16 de marzo, ás 12h30 no Auditorio do Museo do Pobo Galego

Acto de entrega de premios da 20 MICE conducido por María Lado. Entrada libre.

María Lado (Cee, 1979) é escritora, maiormente poeta, aínda que ten publicado tamén novela, relatos, contos para crianzas e textos de teatro. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte, onde comezou a recitar e publicar, participando en varios títulos do colectivo.

Como poeta publicou A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), Nove (2008), Amantes (2011), oso, mamá, si? (2015) -que foi escollido Mellor Libro de Poesía na I Gala do Libro Galego-, e Gramo Stendhal (2020). Xunto coa actriz Iria Pinheiro escribiu o poemario Uralita (2020).

Tamén escribiu guión e varios textos de teatro, dos que destaca Anatomía dunha serea, en colaboración con Iria Pinheiro (premio María Casares ao mellor guión), Pirolíticos (P.T. Excéntricas) asinado con Lucía Aldao e Clara Gayo e Monstros (P.T. Excéntricas) escrito con Lucía Aldao.

O seu interese pola interpretación e a oralidade levárona a experimentar na poesía escénica a través de diferentes proxectos. Foi unha das creadoras do colectivo Poetas da Hostia e, con Lucía Aldao, do dúo Aldaolado. Xuntas publicaron o libro Ninguén morreu de ler poesía.