Xurado das seccións oficiais: internacional e galicia

O xurado das seccións oficiais outorgará o premio MICE ao Mellor Filme na Sección Internacional, dotado con 1000 euros e trofeo; e o premio MICE ao Mellor Filme Galego na Sección Galicia, dotado con 800 euros e trofeo.

CATHERINE BARBOUR

Xefa do Departamento de Estudos Hispánicos e Directora de Global Engagement da Escola de Linguas, Literaturas e Estudos Culturais. Especializada en cultura visual e literatura contemporáneas ibéricas (especialmente galegas), con intereses especiais no xénero e a sexualidade, a descolonización e o multilingüismo. Tamén ten grandes intereses pola literatura comparada e a educación multilingüe. Entre as súas publicacións destaca a monografía Contemporary Galician Women Writers, publicada por Legenda en 2020. En 2022 foi galardoada cun Irish Research Council New Foundations Award por colaborar co Women’s Collective Donegal investigando o papel da práctica creativa no empoderamento das mulleres. Ademais, é membro da Academia de Educación Superior e en 2019 foi galardoada co Premio do Vicerreitor da Universidade de Surrey ao Mestre de Carreira Inicial do Ano.

ADRIANA PÁRAMO

Cineasta. Despois de licenciarse en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, cursou un máster en dirección de cine na London Film School. Dirixiu Galicia. Portobello Road (2014) e Illa Pedra (2010), que se converteu na primeira curta de ficción en galego con audiodescrición para invidentes. Tamén crea videopoemas adaptando obras da poeta Lara Dopazo: A necesidade do outro (2011) e Ovella (2017), con traxectoria en festivais. Anatomía dunha serea(2022), foi a súa quinta curtametraxe como directora. Fundadora do Galician Film Forum (2015), unha organización que exhibe cinema galego no Reino Unido e que conta coa colaboración da embaixada española e o patrocinio de Abanca. Na actualidade reside en Galicia, onde traballa no seu proxecto de tese en documental e xénero para a Universidade Royal Holloway de Londres.

ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN

Cineasta e profesor. Licenciado na Universitat Autònoma de Barcelona, comeza a súa carreira como crítico de cinema, como cofundador e codirector da revista A Cuarta Parede. En 2010 foi membro do Xurado Novo da Mostra de Venecia. Posteriormente trasladarse a Estocolmo (Suecia), onde filma as curtas Pettring (2013) e No novo ceio (2014). Despois virán Jet Lag  e nos dous anos seguintes completa a longa No Cow on the Ice (2015), estreada en Visions du Réel. En 2017 participa na Doc Station da Berlinale co seu proxecto Hamada, longametraxe que estrea o ano seguinte en IDFA. Este filme é seleccionado en festivais como Bafici ou Edinburgh IFF e galardoado en Cinéma du Réel, FIC Xixón ou Porto/Post/Doc. A súa curtametraxe Os corpos (2020) estréase en IDFA e participa en festivais como Clermont-Ferrand, Jeonju ou True/False e na MICE facendo a estrea da curta en Galicia. Os seus traballos máis recentes son Rompente (2022), gañadora da Biznaga de Prata á Mellor Curtametraxe no Festival de Málaga e candidata aos Premios Goya 2023, e Al otro lado del mar, filme documental co-dirixido co cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez e que tamén estreou para Galicia na MICE Museo do Pobo Galego.  

Xurado agantro

premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, está dotado con 500 euros e trofeo. Conforman o xurado:

Iria Vázquez Silva 

Doutora pola Universidade da Coruña e especialista en Estudos de Xénero, primeiro pola Universitat Autònoma de Barcelona (2006) e posteriormente pola Universidade de Vigo (2008). Desenvolveu distintos proxectos de investigación no eido da antropoloxía do xénero e das migracións. As súas liñas de investigación actuais abarcan os movementos migratorios transnacionais e a violencias machistas. Na actualidade é profesora axudante doutora de Socioloxía na Universidade de Vigo e integrante do “Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia”. Coordinou recentemente, xunto a David García e Nuria Fernández, o libro Arredor do rural. Comunidade de saberes e innovación socio-educativa, na editorial Toxosoutos. Anteriormente coordinou Cómplices. A violencia machista institucional da editorial Galaxia, entre outros. 

Víctor Villar caamaño

A súa formación e traxectoria laboral foron alleas ao ámbito académico, alén diso, o feito de desenvolver actividade en diversos oficios por máis de trinta anos, do naval á construcción, da hostelería ás enerxías renovabeis entre outras, procuroulle unha ampla visión da realidade social e da xeografía do noso país. No eido social pasou polo centro social autoxestionado “A casa enkantada” de Compostela, integrándose no colectivo de fotografía para a acción social “Positivo/Negativo”. Tempo despois participou dun modelo similar na vila de Ribadeo, o “Formigueiro”, implicándose nunha cooperativa de formación e desenvolvemento agroecolóxico para persoas en situación de desemprego. Por máis dunha década formou parte de Amarante Setem, organización de referencia en Galicia no sector da solidariedade e cooperación internacional, participando en campañas como “Quen debe a quen?” ou “Roupa limpa”, contribuíndo á formación do Comité Galego de apoio ao MST (Movemento dos sem terra do Brasil).

No eido cultural, dentro da plataforma “Sonda Norte”, tivo a oportunidade de levar ás rúas un formato performativo, para o que compuxo poesía e cancións, coñecida como “Ruacital”. Xunto ao mestre de piano Martín Bucki e a profesora de danza contemporanea María Xusto, fundou unha pequena compañía de artes escénicas chamada “O tren de Moebius”, facéndose cargo da escrita e da dirección das obras “Ardora” e “Memorias do Anxo”. Actualmente reside na Coruña despois de obter unha plaza por oposición en ADIF e estuda o grao en Antropoloxía Social e Cultural pola UNED, formando parte de AGANTRO e da “Fundación de los comunes”. 

Iñigo Sánchez-Fuarros

É antropólogo e investigador Ramón y Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC en Santiago de Compostela. As súas liñas de investigación abordan as interseccións entre cultura expresiva, turismo, materialidade e procesos patrimoniais, con especial interese polas metodoloxías que vinculan a etnografía, a imaxe e o son. Anteriormente traballou como investigador posdoutoral na Universidade Nova de Lisboa e na Queen’s University de Belfast. Coordina o «PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rural galega”, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e tamén é co-investigador principal do proxecto “HabitPAT: O coidado do patrimonio”, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Tamén é responsable de «XEITO | Laboratorio de creación etnográfica”, unha infraestrutura do Incipit destinada a explorar as conexións entre a etnografía e os procesos de creación artística.