Plan de sustentabilidade

Dende a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e dende o Museo como promotor da mesma, entendemos a sustentabilidade non só dende o punto de vista medioambiental senón tamén social, no camiño da inclusión e a accesibilidade. 

E é por iso que, tamén nesta 19 edición, nos comprometemos a xestionar as actividades dun xeito responsable, desenvolvendo iniciativas que aproveiten a nosa experiencia e coñecementos para mellorar e coadxuvar a unha sociedade sostible no territorio onde traballamos. Unha estratexia de responsabilidade corporativa cumprindo co que a Asamblea Xeral da ONU estableceu na Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). No proceso de transformación que esta axenda propón, a acción cultural non só pode contribuír á difusión e a apropiación da Axenda 2030 senón que está relacionada estreitamente co desenvolvemento das persoas e dos territorios. 

En outubro de 2021, a MICE, xunto con varios eventos galegos do ámbito da música e do cinema asinamos un Pacto pola Cultura Sustentable, o que nos comprometeu, máis se cabe, a un modelo de xestión responsable e á diagnose e identificación daqueles aspectos que debemos mellorar para chegar a uns bos resultados en materia de sustentabilidade. Nesa liña, subscribimos unha política de sustentabilidade común, que reforza dous conceptos: a necesidade de pensar en global e actuar desde o local, e a importancia de cooperar para lograr os obxectivos. Este modelo de xestión contempla polo tanto medidas de responsabilidade social e de sustentabilidade económica e medioambiental coas que a MICE está comprometida.

En 2023 demos un paso máis coa realización dunha asesoría de sustentabilidade a cargo de catro especialistas do Pacto: Giada Calvano, Pablo Galindo, Jone Pérez, Arancha Estévez e María Baqueiro. A nosa estratexia de traballo, tal e como nos recomendaron desde o PACTO, debe ir sen pausa pero con calma, con paso seguro e con convicción evitando accións de cara á galería e actuando con transparencia e moita constancia.Cada un dos festivais somos un importante axente do cambio na nosa contorna. A asesoría e acompañamento que recibimos das expertas reafirmounos en que a cultura é unha ferramenta para deseñar os espazos nos que queremos habitar e que un desenvolvemento sustentable trae da man innovación social, novas ideas, novos procesos e maneiras de traballar.

ÁMBITO SOCIAL

Temos un compromiso claro co ODS 4, a educación de calidade. Conscientes do valor do cinema e os medios creativos no desenvolvemento sociocultural das persoas, especialmente das máis novas, incorporamos na programación a MICE Petís e a MICEscola. Atendemos tamén ao ODS 5, sobre igualdade e a diversidade; cos ODS 8 e 3, que garanten condicións de traballo dignas e adopción de medidas de seguridade, saúde, hixiene e benestar; e co ODS 10, coa adopción de medidas que garantan a accesibilidade (física, motora, cognitiva, sensorial e orgánica). Nese camiño, algunhas das accións que estamos a levar a cabo son:

  • Manter a igualdade de xénero na programación, igual que vimos conseguindo nos últimos anos. Fomos o primeiro festival cun 50% de propostas realizadas por mulleres e, ademais, a dirección da MICE está ostentada por unha muller.
  • Propoñer programación para un público diverso
  • Velar pola seguridade e saúde do equipo, implantando medidas e cumprindo a normativa laboral en materia de seguridade. Tamén, asinando contratos acollidos a convenio que fixan os servizos e os dereitos e obrigas de cada persoa do equipo.  
  • Respecto para a competencia e para a promoción da cultura dun xeito global, na crenza de que a competencia en cultura debe ser analizada desde un punto de vista cooperativo.
  • Fomento das opcións diversas en alimentación (veganismo, alerxias…) en cátering e atención a convidadas e convidados. 
  • Na comunicación, respecto na transmisión dos contidos e na información.  Emprego de linguaxe inclusiva, non discriminatoria e non sexista. Uso das ferramentas que permiten facer a información e a comunicación accesible en web e RRSS do festival.       
Ainhoa Rodríguez, comisaria da sección Impropias na 18th MICE, e Ana Estévez, directora do festival.
  • Nas salas, preocupámonos actualmente da accesibilidade física e da accesibilidade auditiva. Con relación á accesibilidade física somos bastante coñecedores do que hai que facer para que os lugares onde se levan a cabo as proxeccións ou os distintos eventos e actividades sexan accesibles para persoas con mobilidade reducida. Contemplamos medidas que van da presenza de rampas e ascensores, ou a eliminación de barreiras arquitectónicas que dificuten o acceso, e establécense áreas para persoas en cadeiras de rodas. Intentamos asegurármonos de que haxa suficientes espazos dispoñibles para acomodar a quen teña necesidades de mobilidade específicas creando espazos preferentes. 
  • No referido á accesibilidade auditiva, a maiores de que a MICE xa conta desde hai anos con subtitulado non específico en todos os filmes, nesta edición incorporamos o subtitulado específico para persoas xordas en varias das proxeccións. Tamén colaboramos con asociacións do ámbito para a mellora de aspectos referidos á accesibilidade física e sensorial, para o que contactamos coa ONCE para introducir os cambios que a nosa páxina permite e considerar un novo deseño da web para posteriores edicións.

ÁMBITO ECONÓMICO

Comprometémonos cos ODS 8, 11 e 17: a medición de indicadores; o apoio a contorna artística local e a colaboración con empresas locais;  e a identificación e participación dos grupos de interese.

O que máis nos custa é dispor dunha medición correcta dos indicadores, xa que ao ser un equipo pequeno e un festival con recursos modestos, é complicado dispoñer a unha persoa con tempo que realice a medición dos indicadores. Porén, contamos cun cadro e procuramos cubrilo e revisar os diferentes indicadores que aparecen neste.  

Ademais, continuamos afianzando as seguintes medidas:

  • Traballo con provedores locais (Sacauntos, A Tafona, Numax, Bicoca…).  
  • Apoio a proxectos e creadoras locais, creación de sinerxias e colaboración con outras entidades (asociacións, centros educativos, universidades e outros festivais) do contexto inmediato como son, entre outras, o Consello da Cultura Galega, o FICBueu, os socios e socias do Museo do Pobo Galego, o CSC Aurelio Aguirre de Conxo, ou a Universidade de Santiago de Compostela. 
  • Identificación dos grupos de interese. Coherencia do orzamento. 

ÁMBITO MEDIOAMBIENTAL

Compromiso cos ODS 6, 7, 12, e 13: minimizar o consumo de auga e garantir o acceso gratuíto á auga potable; minimizar o consumo enerxético e, sempre que sexa posible, abastecerse de fontes renovables ou menos contaminantes; implantación de criterios de economía circular: reducir, reutilizar e reciclar, e dispor dun sistema axeitado de recollida e xestión dos residuos;  promoción do transporte público compartido e fomento da idea de multimodalidade. 

En edicións anteriores fomos conseguindo:

  • Reducción dos plásticos dun só uso, entre outras medidas, usando auga da billa e xarras de vidro. 
  • Colocación de fontes conectadas á auga da billa nos espazos que dependen de nós, é dicir, o Museo do Pobo Galego.
  • Reducción do papel en materiais de difusión, fomentando a información e a edición dixital.
  • Priorizar a mobilidade urbana de equipo e convidadas a pé.
  • A implantación de criterios de economía circular como a reutilización de elementos de outras edicións (soportes de photocall e xbanner ou merchandising sobrante); uso de vasos e platos compostables nos cáterings; mellora da recollida selectiva dos residuos; e preferencia polas compras a granell sempre que foi posible, e en comercio local. 

Estas accións reduciron as emisións asociadas ás actividades do festival como as viaxes en transportes externos, a subcontrata na xestión de residuos ou na compra de produtos. Para esta edición pretendemos afianzar e mellorar a recollida selectiva dos residuos e a eliminación total dos plásticos dun só uso. 

En ocasións enfróntarmos a execución destas melloras non depende directamente da organización e dirección do festival senon da propiedade dos espazos nos que organizamos as actividades, moitas veces baixo a xurisdición das administracións públicas, o que tamén dificulta accións como as medicións ou incluso unha correcta separación dos residuos. Neste sentido, consideramos que manter reunións cos grupos de interese pode ser unha das accións máis necesarias cara a esta edición. 

Aínda que a estratexia e os plans de sustentabilidade son documentos de uso interno e, polo tanto, non teñen por que facerse públicos, consideramos que comunicar e facer públicas as nosas accións e avances é importante de cara a poñer sementes para  conseguir cambios na sociedade.