Esta sección é un punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico pero, como indica o propio nome, fai referencia ás fronteiras: as que existen na propia deriva deste tipo de cinema na que se dilúen os límites entre a ficción e o documental, cunha rica variedade de recursos e estilos de representación; ou as xeográficas e culturais representadas no cinema etnográfico.

As sesións de Lindes teñen un carácter especial: traballos en proceso ou que, non contando cos requirimentos para as seccións competitivas, si teñen un grande interese desde a reflexión antropolóxica: proxectos de exhibición ou de fomento da produción etnográfica desde o audiovisual; creacións con vontade de difusión de elementos conformadores de identidade cultural en territorios concretos.

E nestas premisas encádranse as sesións da sección nesta décimo novena edición. Serán dúas sesións con carácter formativo e informativo xa que van contar con dous proxectos en construción, work in progress, de Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras, que falan sobre a fronteira, en concreto a que conforma a raia de Galicia e Portugal.

LINDES CON DIANA GONÇALVES

Sábado, 23 de marzo, ás 17 h. Auditorio do Museo do Pobo Galego

Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.

Diana Gonçalves é xestora Cultural. Comunicadora, investigadora e creativa multidisciplinar e transfronteiriza. Realizadora independente de documentais cinematográficos.

O proxecto que trae á MICE é Transfronteiriza, un proxecto multidisciplinar, unha instalación que parte da documentación recabada para creacións e proxectos audiovisuais anteriores da autora como Mulleres da Raia (2009), Palmira (2017) ou a súa tese sobre a memoria da fronteira. Os obxectos e documentos recollidos nestes procesos e as creacións audiovisuais da propia Diana conforman unha proposta expositiva que conta co apoio da MICE Museo do Pobo Galego e da Cámara Municipal de Melgaço (Portugal) así como coa colaboración doutras entidades e administracións de ambos países. 

LINDES CON iván castiñeiras

Domingo, 24 de marzo, ás 11 h. Auditorio do Museo do Pobo Galego

Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.

Iván Castiñeiras é cineasta. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e en Cinema polo Conservatório Nacional de Cinema em Lisboa, e ten o mestrado en Dirección de Fotografía Cinematográfica pola Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña. Varios dos seus traballos como realizador foron seleccionados en festivais internacionais como o IndieLisboa, Doclisboa, Festival de Edimburgo, Playdoc, Dock´s Kingdom, Centre Pompidou, etc.

A través da posta en escena de historias nas que o universo real e imaxinario se mesturan, as súas películas abordan cuestións xeopolíticas, de fronteiras e de territorialidade. As súas propostas cinematográficas relatan a historia de personaxes “á marxe”: contrabandistas, emigrantes, exiliados, aventureiros, etc. Figuras que se inscriben entre o visible e o invisible e que revelan un modo de vida fóra do común.

Iván compartirá coas persoas asistentes o seu proceso creativo e afondará, ademais de no seu work in progress Deuses de pedra, no que traballa actualmente; noutros proxectos anteriores como son a instalación interactiva audiovisual Chemin battus, e as curtametraxes Ou est la jungleTrajectory Drift e A Raia.

Ivan Castiñeiras

A sección Lindes, este ano, neste formato de encontro, ten un carácter formativo de interese para aquelas persoas que traballan tanto con o audiovisual como coa antropoloxía e a historia, ou que se relacionan con ambas disciplinas. Nese sentido, co fin de poder organizar mellor as sesións, recomendamos a inscrición previa. Pode realizarse de forma gratuíta en mice@museodopobo.gal, indicando Sesión Diana Gonçalves ou Sesión Iván Castiñeiras.

Ademais, varios dos filmes de Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras como Palmira ou A Raia, así como outras películas referenciais á hora de crear as súas respectivas obras, formarán tamén parte da MICE en liña, onde estarán a disposición do público para o seu visionado.