Foco Cecilia Mangini, conducido por Carolina Astudillo
Nun contexto como o das Ciencias Sociais onde o discurso dominante é o androcéntrico, e no mundo da cinematografía, onde a presenza de mulleres directoras en festivais conta aínda con desigualdades, a organización da MICE considera que é preciso reforzar a presenza do cinema realizado e/ou producido por mulleres. A sección é así un convite de carta branca para profesionais mulleres do mundo do cinema e do audiovisual que programen filmes realizados por directoras ou un foco ou retrospectiva sobre algunha cineasta de especial interese para os obxectivos do festival.
Nesta edición teremos un foco Cecilia Mangini conducido pola cineasta Carolina Astudillo, quen tivo na realizadora italiana unha das súas referentes fundamentais á hora de abordar a súa propia obra cinematográfica. Astudillo porá en relación a obra de Mangini coa súa propia, que xa se proxectou en anteriores edicións da MICE.
Cecilia Mangini
Naceu en 1927 en Moli di Bari, na rexión italiana de Apulia, filla dun fabricante de peles que tivo que emigrar a Florencia cando o seu negocio quebra. Mangini foi unha extraordinaria documentalista que destacou polos seus filmes de denuncia social, nalgúns dos cales participou Pier Paolo Pasolini, o seu amigo e colaborador. A decana do documental italiano finou no ano 2021 con 93 anos, deixándonos proxectos audiovisuais e fotográficos que impulsaron o neorrealismo italiano. Algúns téñense referido a Cecilia Mangini como “a Agnès Varda italiana“. As dúas, que mantiveron unha amizade tardía, teñen cousas en común: son mulleres nun mundo masculino, comprometidas politicamente, que chegaron ao cine nos anos 50 da man da fotografía e que seguiron rodando até o final.
Os filmes de Mangini retratan as marxes dunha Italia que, despois da guerra, entra nun vertixinoso proceso de industrialización. Mentres que a narrativa oficial céntrase na modernidade e no futuro, o seu cine céntrase nos traballadores e traballadoras, nos labregos e labregas, nos rituais rurais en perigo de extinción e nos ritos suburbanos. O cinema de Mangini pódese situar na fronteira de dous mundos, o da a industria e o traballo nas fábricas -que seguen sendo a única alternativa á pobreza- e o da miseria do campesiñado. Neste tempo de rupturas coas tradicións máis antigas e a montaxe dun mundo novo, Mangini pon a súa mirada sobre eses fracasos da sociedade, sobre as súas hipocrisías e sobre o que estes fan ante aqueles suxeitos máis desfavorecidos pola sociedade: as mulleres, as persoas pobres, inadaptadas ou rebeldes.
Para a programación deste foco contamos coa colaboración da Cineteca di Bologna e o Instituto Italiano di Cultura.
Carolina Astudillo Muñoz
É cineasta, investigadora e docente. Licenciada en Estudos Cinematográficos pola Universidade Católica de Chile e Mestrado en Documental Creativo pola Universidade Autónoma de Barcelona. Desenvolveu o seu traballo coa muller e a memoria histórica como eixo articulador.
A súa primeira longametraxe, El gran vuelo (2014), gañou a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga (2015); premio que repetiu coa súa segunda longa, Ainhoa, yo no soy esa (2018), entre outras mencións. As súas curtametraxes De monstruos y faldas (2008), Lo indecible (2012), El deseo de civilización: Notas para El gran vuelo (2014) e A Walk Through New York Harbor (2019) foron premiadas e proxectadas en festivais nacionais e internacionais. Múltiples recoñecementos para unha cineasta, académica das Artes e das Ciencias Cinematográficas, que aborda os seus traballos sobre a memoria cun modo fílmico no que a etnografía é a forma de representación.
SESIóN 1
VENRES, 22 DE MARZO, 18:00H. NUMAX
Entradas na web ou na billeteira de NUMAX.
ESA FUGAZ ESENCIA QUE DEJARON LOS SUCESOS
Carolina Astudillo
España, 2022
14 min. VOE
[Estrea en Galicia]
Walter Benjamin definiu o rastro como a “aparición dunha proximidade, por moi lonxe que estea agora o que a deixou atrás”. As rúas de Barcelona están poboadas das pegadas de pequenas e grandes loitas que as mulleres levaron a cabo ao longo da historia. Algúns apenas se perciben, parpadean, escóndense. Outros convertéronse en trazos, placas ou monumentos intencionados que tentan reconstruír e actualizar o pasado que a Historia con H maiúscula quixo borrar. Este filme busca esa proximidade da que fala Benjamin, vestixio dunha historia alternativa á oficial que hai que salvar do esquecemento. É a investigación da fortaleza histórica destas mulleres consideradas excepcións, notas a pé de páxina.
Cecilia Mangini
Italia, 1964
29 min. Italiano. VOSG
Este documental é unha das primeiras investigacións cinematográficas sobre o estado da muller en Italia, visto nos seus diferentes aspectos: social, económico, psicolóxico. Partindo dunha análise dos modelos femininos que propón a industria cultural -o comezo da película e os modelos de revistas de moda-, o filme atopa as súas protagonistas entre mulleres reais, de todas as idades, ocupacións e de todas as rexións.
Cecilia Mangini
Italia, 1960
10 min. Italiano. VOSE
Un filme extático que linda coa alucinación e que nos sitúa no medio do ritual das plañideiras nun funeral en Salento, ao sur de Italia. Unha tradición en extinción nun filme con guión da propia Mangini e de Pier Paolo Pasolini.
Cecilia Mangini
Italia, 1959
10 min. VOSG
Un día na vida de Maria, unha enérxica anciana que vive nunha granxa na Puglia. Non ten medo á morte. Os xestos e accións que enchen os seus días dan sentido ao tempo.
SESIóN 2
SÁBADO, 23 DE MARZO, 18:00H. NUMAX
Entradas na web ou na billeteira de NUMAX.
Cecilia Mangini
Italia, 1958
11 min. VOSG
O debut de Mangini cun texto de Pasolini que aínda era só escritor. Unha obra retirada pola censura que retrata horizontalmente as pésimas condicións de vida, pero tamén a vitalidade animal, dos mozos da “borgate” romana, vilas marxinais e pobres.
Cecilia Mangini
Italia, 1962
11 min. VOSG
Unha sensual e vitalista visión sen eufemismos da rapazada dos suburbios romanos e o seu pasatempo de verán, bañarse nas charcas. Con comentarios de Pier Paolo Pasolini.
Carolina Astudillo
Francia / España, 2023
7 min. VO
[Estrea mundial]
As palmeiras desta tarxeta son unha ilusión, tamén a area rosa. Esta frase, tomada dun poema de Margaret Atwood, ilumina o camiño trazado en Postal. A medida que pasan os anos, as paisaxes transfórmanse, resignifícanse e hai alegrías que nunca volverán recuperarse. O mar e a praia que algunha vez foron os escenarios de veráns felices, amores e encontros, convertiranse en campos de concentración ou centros de detención e tortura. Ocorre en distintas épocas e lugares. Nesta peza emprendo un percorrido por algunhas das miñas obras que exploran a relación entre o testemuño, os espazos e o tempo, entablando un diálogo coa fermosa película filmada por Alejandro Segovia en 1972.
Cecilia Mangini
Italia, 1964
13 min. VOSG
A aguda mirada de Cecilia Mangini, unha das maiores expoñentes do documental italiano, lánzase á refrega do Nadal, acumulando o caos de estímulos confusos que fan conexións e fracturas incomprensibles entre o sagrado e o profano, entre o Neno Xesús e as galiñas desplumadas.
SESIóN 3
DOMINGO, 24 DE MARZO, 18 H. NUMAX
Entradas na web ou na billeteira de NUMAX.
Carolina Astudillo
España, 2019
5 min. VOE
A aparente tranquilidade dun domingo solleiro abraia os paseantes. É que entón non escoitan os cánticos pola paz, os berros contra a guerra e o barullo que provocan nas rúas os movementos polos dereitos civís? Unha carta dirixida a un irmán, as verbas do poeta Langston Hughes e o ritmo do jazz, lémbrannos que 1967 foi un ano trepidante.
Cecilia Mangini e Paolo Pisanelli
Italia, 2020
57 min. VOSG
Entre 1964 e 1965, os directores Lino Del Fra e Cecilia Mangini viviron durante tres meses en Vietnam do Norte, daquela en guerra con Estados Unidos, para rodar unha película dedicada a un pobo que loitaba pola unidade e a independencia. Esquecidas durante máis de cincuenta anos nun vello armario do faiado, apareceron inesperadamente dúas caixas de zapatos cheas de negativos fotográficos. E o resultado é un film de cámara que fala dunha guerra, dunha memoria que esvaece, dun desafío contra o paso do tempo.