TALLER DE FORMACIÓN “CREACIÓN AUDIOVISUAL CON DISPOSITIVOS FÁCILES”
Luns, 25 de marzo, no Museo do Pobo Galego. de 17h30 ás 20h30.
Formación impartida polas cineastas responsables da MICEscola, Coral Piñeiro e Bruno Arias.
MICEscola é un proxecto didáctico da MICE dedicado a levar o cinema etnográfico aos centros escolares. Trátase dunha experiencia que reúne alumnado, profesorado e profesionais do sector audiovisual e que ten como obxectivo dotar a xente nova das ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos de fácil acceso e utilización.
Nesta segunda edición, as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias desenvolveron tres sesións por cada centro onde procuraron achegar o alumnado ás diferentes caras do proceso creativo: a selección dun tema, a ideación dunha historia, a escrita dun guión, a elaboración dunha proposta de dirección, a rodaxe, a montaxe e as moitas dúbidas, dificultades e potenciais que agochan todos e cada un destes procesos.
No taller “Creación audiovisual con dispositivos fáciles“, Coral e Bruno recollerán as leccións que aprenderon durante a posta en marcha deste proxecto e compartiranas con aquelas persoas que teñan interese en empregar o audiovisual nas escolas con finalidades diferentes (artística, expresiva, de comunicación social e, por suposto, tamén como parte da metodoloxía etnográfica). Daranse as claves para guiar o alumnado na súa procura dun discurso, dunhas intencións e dunha mensaxe ao tempo que se lle axuda a comunicar os seus achados mediante imaxes e sons. Trataranse o proceso de guión, a procura dunha realización acorde aos obxectivos da idea e ás limitacións técnicas ou o proceso de montaxe.
Persoas destinatarias: persoal docente e educadoras en xeral, estudantes de Ciencias da Educación, Historia, Arte e Comunicación Audiovisual; así como calquera persoa interesada neste contido para o que non se precisan coñecementos previos.
Prezos:
- Xeral: 15 euros
- Persoas desempregadas e estudantes: 10 euros
- Socias e socios do Museo: de balde
Inscrición previa en mice@museodopobo.gal
CORAL PIÑEIRO
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en pezas documentais como Eu máis eu, sobre a soidade no rural galego; Única, unha reflexión persoal sobre a identidade tendo unha irmá melliza; e Dores, un documental sobre os campos de concentración en Galicia que naceu como o traballo de fin de grao (TFG) coas súas compañeiras Laura Piñeiro (montadora e guionista), Maite Martínez (produtora e guionista) e Clara Miñán (cámara e guionista), co que gañou o premio ao Mellor documental no SOCINE, festival de cine social universitario de Valladolid. En canto á ficción, participou na curtametraxe Desencontro, gañadora do primeiro premio na categoría Fasmuvis do Festival de Cine de Ourense.
BRUNO ARIAS
Director, guionista e montador de Os espazos en branco, a súa primeira longametraxe, estreada en 2023. Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (2016-2020). Actualmente traballa como montador e deseñador gráfico en diferentes proxectos e como educador para a MICEscola.
lindes: encontros profesionais
lindes con diana Gonçalves
sábado, 23 de marzo, ás 17:00h. auditorio do Museo do Pobo Galego.
Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.
lindes con iván castiñeiras
domingo 24 ás 11:00 h. auditorio do Museo do Pobo Galego.
Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.
Nesta 19ª edición da MICE, a sección Lindes combina o carácter formativo e informativo. Serán dúas sesións nas que as cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras compartirán co público os seus procesos creativos, partindo dos seus respectivos proxectos en curso: Transfronteriza, de Gonçalves, e Deuses de pedra, de Castiñeiras, dous work in progress que falan sobre a fronteira que conforma a raia de Galicia e Portugal.
Serán, polo tanto, dúas sesións de interese para aquelas persoas que traballan tanto co audiovisual como coa antropoloxía e a a historia.