Filmes con subtitulado SpX

Nesta 19ª edición da MICE os filmes que poderán verse con subtitulado específico para persoas xordas son os seguintes:

A REVOLUCIÓN (É) PROBABLE

SECCIÓN GALICIA

Xoves 21, 20 h. SALÓN TEATRO

María Ruido, Paula Barreiro-López, Lee Douglas

España / Portugal, 2022

30 min VOSG/SpX

Para que serve unha revolución? Unha revolución alumea outras posibilidades de vida. Esa é a premisa da que parte esta curtametraxe, que toma como caso de estudo a última das grandes revolucións europeas, a que tivo o seu comezo o 25 de abril de 1974 en Portugal, profunda nas súas raíces coloniais, e reflexiona sobre o seu final o 25 de novembro de 1975. Este ensaio audiovisual, construído con algúns dos traballos cinematográficos máis importantes do 25 de abril e con materiais de arquivo televisivo e das cooperativas cinematográficas xurdidas á calor do proceso revolucionario, é unha reflexión sobre a forza política destas imaxes, sobre o legado que nos deixan, e sobre o papel dos arquivos, o cinema, os medios de comunicación e a representación en xeral nas nosas loitas contemporáneas. A revolución (é) probable fálanos, ademais, do fráxil estatuto de documento das imaxes como “proba”, e da posibilidade real de aprender da historia desde o presente.

HABITAR

SECCIÓN GALICIA

Xoves 21, 20 h. SALÓN TEATRO

Anxos Fazáns

Galicia / España, 2023

15 min VO/SpX

Pode un corpo ser unha casa? Que é un fogar? Habitar trata de responder estas preguntas sobre a construción das nosas identidades a través do retrato íntimo de persoas transxénero e non binarias de Galicia.

ROCÍO

SECCIÓN trazas

Venres 22, 20 h. SALÓN TEATRO

Fernando Ruiz Vergara

España, 1980

69 min. VOSG/SpX

O censurado documental Rocío trata as bases económicas, de clase e de poder que subxacen na devoción rocieira, alienando toda unha comarca. Documento histórico que expón breve pero concisamente a penetración e evolución do catolicismo en España durante o golpe de estado e o franquismo, a razón e lóxica da fe mariana, así como a aparición das imaxes de virxes ao longo e ancho do país para centrarse na Virxe do Rocío.

LAVADOIRO

SECCIÓN GALICIA

Sábado 23, 20 h. TEATRO PRINCIPAL

Ana Amado, Lois Patiño

Galicia / España, 2023

17 min VO/SpX

O proxecto “O Lavadoiro” propón unha reflexión activa e multidisciplinar, desde a arquitectura construída e efémera, sobre o papel dos lavadoiros na vida das mulleres, como lugares de traballo doméstico e tamén de relación, tomando como punto de partida o entorno do Lavadoiro de Artes (Corrubedo, A Coruña), construído nos anos 40 e recentemente recuperado polo arquitecto Carlos Seoane, como posta en valor dun espazo público singular ata agora en desuso.