O Museo do Pobo Galego promove a MICE (Mostra Internacional de Cine Etnográfico) que se celebra en Santiago de Compostela do 20 ao 26 de marzo de 2024.
A MICE pretende achegar o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual ao público, entendendo o cinema etnográfico como unha ferramenta de investigación, comunicación e creación, no ámbito da representación da diversidade cultural. Busca xerar un espazo de diálogo e intercambio, un foro ao redor de filmes que mostren aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais, tendo como foco principal as persoas, os grupos sociais ou os procesos socio-históricos relevantes relacionados coa Antropoloxía e a Etnografía.
CONDICIóns xerais
O tema elixido para esta 19 MICE é “a ollada etnográfica sobre o político”. Segundo a organización, esta edición céntrase na riqueza que a perspectiva etnográfica pode achegar á análise política e na aproximación ás categorías e prácticas do mundo social: contextos nos que se producen os feitos analizados; lazos educativos, económicos ou relixiosos; dimensión cotiá da política nos espazos onde as persoas viven e crean significados ao seu redor e nos que se tecen prácticas e relacións persoais; relación entre os suxeitos e o Estado e as súas consecuencias; rituais e poder simbólico na política.
Para concorrer á Selección Oficial no MICE, as obras presentadas deberán ter sido producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021.
Serán valorados como criterios de relevancia, a importancia das cuestións abordadas, a calidade técnica e o sentido estético, a innovación tanto no temático como na maneira de comunicalo, e a relevancia científica.
Os e as autoras ou as produtoras poderán presentar un máximo de dúas obras. Quedan fóra de admisión os traballos proxectados en anteriores edicións do MICE, aqueles cuxas persoas responsables estean involucradas na organización, así como os que teñan un carácter turístico ou publicitario.
INSCRICIÓN
A inscrición poderase facer a través das plataformas Clickforfestivals, Festhome e Filmfreeway. Se houbese algunha dificultade para a inscrición en liña poderase escribir ao seguinte enderezo electrónico: mice@museodopobo.gal
Na fase de selección, os filmes rodados en idiomas que non sexan galego ou castelán, teranse que presentar con subtítulos, preferentemente en galego ou español, ou no seu defecto en inglés. Se o filme é seleccionado, a copia de proxección para o festival deberá entregarse subtitulada, con subtítulos en galego preferentemente, ou en español.
O prazo de presentación de inscricións finalizará o 10 de xaneiro de 2024 ás 23h59.
SELECCIÓN
A Dirección da MICE constituirá un comité de selección que fará a avaliación das películas recibidas. Este comité será o encargado de decidir cales pasarán a formar parte da Selección Oficial do Festival. Ao finalizar o proceso de selección, a organización do festival comunicará a súa decisión ás persoas responsables das películas seleccionadas.
A organización da MICE decidirá os días e as horas de proxección das películas. Unha vez incluída a referencia no catálogo, a película non poderá retirarse unilateralmente da competición.
As películas seleccionadas deberán enviar unha copia de proxección, preferentemente en formato dixital de alta definición. O Festival non aceptará copias que non reúnan as condicións mínimas de exhibición. A MICE deberá recibir a copia de proxección antes do 20 de febreiro de 2024.
A copia para a proxección deberá ir acompañada de título, formato, tipo de pantalla e tipo de son. A produtora e/ou distribuidora deberá proporcionar á organización da MICE, información e material publicitario (“press kit”, 3 fotografías e cartaz), tráiler e demais material para que o Festival poda promocionar debidamente a película. As obras orixinais enviadas para a súa exhibición deberán coincidir exactamente coa copia remitida inicialmente para a selección. O incumprimento deste requirimento poderá ser motivo de exclusión do filme do concurso.
A copia de proxección dos filmes seleccionados nas seccións en competencia deberán contar con subtitulado, en galego preferentemente ou en español, e procurarase contemplar criterios de accesibilidade para persoas xordas.
Finalizado o festival, os filmes seleccionados, premiados ou non, pasarán a formar parte do arquivo MICE Museo do Pobo Galego, autorizando a consulta privada con fins educativos e de investigación e regulando a súa exhibición, presentación e difusión en mostras e programas culturais e educativos sen ánimo de lucro cos que a MICE ou o Museo do Pobo Galego colaboren.
XURADOS
Os xurados estarán formados por profesionais do ámbito cinematográfico, audiovisual, antropolóxico e cultural, escollidos pola organización da MICE. Os xurados resérvanse outorgar as mencións que consideren oportunas. Durante a elaboración do palmarés, o voto das persoas integrantes dos xurados será secreto. As decisións tomaranse por maioría absoluta dos votos. A Dirección do festival poderá asistir as deliberacións pero non participará nas votacións. Non poderán formar parte dos xurados persoas con intereses na produción o explotación dunha película en competición.
PREMIOS
A Seleccción Oficial ten dúas seccións en competencia, Internacional e Galicia. Todos os filmes seleccionados optan a:
- Premio MICE Internacional á mellor película etnográfica dotado con 1000 euros, trofeo e diploma.
- As películas galegas seleccionadas a concurso optan tamén ao premio MICE Galicia á mellor película etnográfica galega dotado cun premio de 800 euros, trofeo e diploma.
- Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, dotado con 500 euros e trofeo.
- Premio CREA á realización, dotado con 200 euros e trofeo outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización.
- Premio do público que consiste en diploma e trofeo acreditativo.
Os premios económicos van suxeitos á lexislación vixente.
OUTRAS CONSIDERACIÓNS
1. Algunhas actividades do festival poderanse celebrar cunha fórmula mixta, en presencial e en liña.
2. A persoa que inscribe a obra no festival declara estar autorizada pola produtora a prestar a copia da película e aceptar as normas do certame.
3. Para a difusión do Festival, a Organización queda autorizada á utilización pública nos medios de comunicación, dun fragmento de até tres minutos de duración das películas seleccionadas.
4. A persoa que concursa responde da autoría e orixinalidade de cada película presentada, eximindo á Organización de toda responsabilidade en canto ao contido da mesma. A aceptación da selección e dos premios MICE Museo do Pobo Galego, implica incluír estes galardóns na publicidade posterior do filme.
5. A inscrición dunha película equivale á aceptación das condicións do presente
Regulamento, cuxa interpretación e aplicación corresponde á Organización.
6. Este regulamento edítase en Galego, Español e Inglés. Para calquera dificultade na interpretación, o texto de referencia é o galego.
Máis información