586 CANTOS
mércores, 20 de marzo, ás 20 h. teatro principal.
Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
A 19 MICE dedicará a súa sesión inaugural ao legado da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth.
Falecida en setembro de 2023, as súas investigacións sobre os repertorios folclóricos europeos trouxérona ata Galicia. A finais dos 70 e durante os 80 recorreu o noso país para recoller cancións, músicas e bailes, sempre con criterios científicos e introducindo a perspectiva das persoas informantes. Gran parte desa música popular foi creada e interpretada por mulleres que quedaron no anonimato do “colectivo” ata que chegou Dorothé e puxo os seus nomes a cada unha das composicións. O resultado dese traballo foi o monumental Cancioneiro Popular Galego, que se converteu nunha obra fundamental para o coñecemento do noso patrimonio, con máis de 5.000 pezas rexistradas por gran parte da nosa xeografía. A obra, realizada en colaboración con Antón Santamarina, foi editada a partir de 1984 en sete volumes pola Fundación Barrié. Na actualidade, esas gravacións e os materiais que as acompañaban consérvanse no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.
Con ese valiosísimo material de arquivo, desde a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico quixemos producir un evento único no que a imaxe e a música estean presentes ao mesmo nivel. Unha homenaxe ao legado de Schubarth, a ese labor de antropoloxía audiovisual que é o marco teórico da MICE.
Para iso, contamos por unha banda co músico Richi Casás. As gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa foron o punto de partida da aposta artística de Casás. Sobre esa herdanza, o saxofonista edificou unha novidosa proposta musical na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto con Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical en directo que se sincronizará coa montaxe visual que realizan Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema.