Os espazos en branco
Xoves, 21 de marzo, ás 18 horas, NO SALÓN TEATRO
Entradas no despacho de billetes da Zona C e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
Entre as actividades paralelas da MICE atópase esta sesión especial, a proxección do filme Os espazos en branco, do novísimo cineasta Bruno Arias.
Trátase do debut cinematográfico de Arias, quen fai parte da Asociación Memoria e Cinema e, entre outras facetas laborais, coordina xunto a Coral Piñeiro o programa didáctico MICEscola, no que guían a varios grupos de alumnado de colexios e institutos galegos no proceso creativo e técnico da realización cinematográfica.
A película é un achegamento de Bruno á figura da súa tía Xela Arias, falecida cando el era un neno. Mais non se trata tanto dun aproximarse á parte artística de Xela, senón á parte familiar e íntima onde outras persoas debuxan o baleiro de recordos do director. Nese achegarse, detrás do familiar, emerxe o público, a figura da poeta e o tempo en que viviu. Uns anos marcados pola política, nunha Galicia xa con contexto urbano pero que conserva a memoria da aldea, vivindo a Transición mentres se dan tamén profundas transicións democráticas, económicas, sociais e culturais.
Bruno Arias
2023, Galicia
89 min. VO
Como podes amar a alguén que non coñeces? Que parte do que somos provén de imaxes que non temos? Canto hai de persoa nos recordos que quedan sobre ela? Preguntas universais que describen un conflito interno, unha contradición, unha ferida a curar a través da ferramenta que mellor explora os sentimentos humanos: o cine.