DA TÚA MAN PARA A MIÑA
Fran Rodríguez Casal
Do 14 de marzo ao 30 de abril de 2024, de martes a sábados, de 16 a 20 horas. Ala Sur do Museo do Pobo Galego.
Da túa man para a miña interpela dous tempos, o pasado e o presente, a través de fotografías e de imaxes de videoarquivo -gravado por Mari Luz e Baldomero Pombo Muíños- da aldea natal do artista, Traspielas (Fornelos de Montes). Foi nese lugar onde Fran Rodríguez Casal iniciou a súa andaina coa fotografía. Sendo estudante de segundo curso de Comunicación Audiovisual comezou tirar fotos ás súas veciñas e á paisaxe da aldea. Seis anos despois, o que empezou cunha intención moi clara de reivindicar o rural e as persoas que traballan pola súa pervivencia pode verse nesta exposición.
Unha reflexión sobre o concepto de comunidade, a situación socioeconómica e as políticas sobre o rural e a emigración ás cidades ou fóra que afectaron a estas poboacións e provocaron a descomposición actual da comunidade: a deterioración da relación entre as persoas, perda de servizos –sanitarios, administrativos, de transporte e conexións, etc.– e a desmobilización, fronte a un pasado con moitas dificultades pero no que parecía prevalecer o sentido de comunidade. Na confrontación de ambas as dúas realidades ábrese o debate.
FRAN RODRÍGUEZ CASAL
(Traspielas, Formelos de Montes, 1998). Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. O seu traballo céntrase na interacción entre o corpo e a contorna, usando como soportes o cine, a fotografía e o son. Móvendose nas fronteiras dos xéneros artísticos e cunha noción dun campo expandido das prácticas artísticas nas súas intervencións que empregan dende material de arquivo ata a súa propia metraxe.
Actualmente está realizando a súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña, xunto con Coral Piñeiro, e coa produtora Miramemira que nace dunha proxecto multidisplinar exposto na Zona C no ano 2022.
O seu traballo mostrouse en 2021 en Encontros da Imagem, Festival Internacional de Fotografía e Artes Visuais en Braga (PT). En 2020 participa na residencia artística X Encontro de Novos Artistas na Cidade da Cultura de Galicia e no ano 2022 recibe bolsa para residencia artística nas Illas Aran en Irlanda para realizar un proxecto fotográfico no arquipélago, da man de Stills&Motion.