Entrega de premios + Concerto Modulador de ondas

Sábado 10 de abril ás 13h00 no Auditorio do Museo do Pobo Galego

Concerto de Modulador de Ondas e entrega de premios da 16 edición da MICE

[Aforo limitado e controlado previa retirada de entrada]

Modulador de Ondas é o proxecto do compositor, thereminista e guitarrista Paulo Pascual, o músico que lle pon a banda sonora ao documental Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, que se pre-estrea nesta edición da MICE. Trátase da primeira banda sonora composta a partir dun theremin para un filme no Estado.

O theremin é un instrumento cativador no que a música se constrúe no aire. Dúas antenas xeran campos electromagnéticos nos que interfire o músico coas súas mans.  Paulo Pascual combina o theremin co piano, guitarras acústicas ou chelos acadando ritmos sen precedentes con este instrumento tan peculiar. En 2018 gravou un LP chamado Planeta Theremin, un proxecto pioneiro xa que é o primeiro LP grabado por un thereminista en Galicia. De feito, Pascual figura no directorio Theremin Today, creado polo neto do inventor do instrumento, Peter Theremin, onde aparecen os theremistas internacionais de maior traxectoria. 

O músico prepara un proxecto novo co theremin como protagonista, que conta con presentar neste 2021. A súa proposta musical vai encher o auditorio do Museo do Pobo durante a entrega de premios da 16ª MICE, na que interpretará os temas da banda sonora do filme.

Bandcamp: https://moduladordeondas.bandcamp.com/album/planeta-theremin