AINHOA RODRÍGUEZ, DIRECTORA DA PREMIADA DESTELLO BRAVÍO, COORDINA A SECCIÓN IMPROPIAS DA MICE

Mércores, 22 de febreiro de 2023

A cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío, será a encargada de comisariar Impropias, a sección da MICE do Museo do Pobo Galego reservada ao cinema etnográfico realizado por mulleres. Directoras como a propia Ainhoa, gañadora dos premios á mellor Dirección no 26º Festival Internacional de Cine de Vilnius (Lituania), no 23º Festival Internacional de Cine de Mulleres de Seúl (Corea do Sur) e premiada tamén co Violette D´Or no Festival Cinespaña Toulouse, entre outros moitos galardóns recibidos pola súa primeira longametraxe de ficción, Destello Bravío. O filme, unha comedia protagonizada por non actrices que se basea no documental para narrar a vida dunha pequena vila do sur de España, foi recoñecido tamén no Festival de Málaga coa Biznaga de Prata á Mellor Montaxe e o Premio do Xurado.

Amais de proxectar a súa ópera prima, Ainhoa impartirá un seminario sobre a selección realizada para a MICE. Unha escolma que inclúe outras dúas películas: Cow, da cineasta británica Andrea Arnold; e o documental portugués Eldorado XXI, de Salomé Lamas. Filmes que tratan o concepto da rururbanía, a temática que vertebra esta 18ª edición da MICE. 

Seccións non competitivas

MDOC – Festival Internacional de Documentário de Melgaço (Portugal) é o festival convidado este ano. Será o encargado de comisariar a sección Lindes, outra das non competitivas da MICE. Lindes é un lugar de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes etnográficos que fan referencia ás fronteiras xeográficas, culturais ou cinematográficas e que, nesta ocasión, porá o foco tamén na idea do rururbano. En concreto, proxectaranse unha selección de traballos que pasaron recentemente polo festival portugués: Dispersos pelo centro, de António Aleixo; Four Seasons in a Day, un filme belga-lituano da documentalista Annabel Verbeke. Amais das proxeccións, haberá tempo para que as e os convidados poidan falar de vagar co público sobre os procesos creativos e de produción. Tamén estará dispoñible, a través da MICE en liña unha selección de curtametraxes de varias autoras do proxecto Plano Frontal, unha proposta de Lugar do Real, o proxecto creado por AO NORTE, (a Associação de Produção e Animação Audiovisual) para o visionado de filmes documentais con fins pedagóxicos, de investigación e culturais

A reflexión sobre a intersección entre o mundo rural e urbano estará tamén presente na outra sección paralela da MICE, Trazas. Desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela, inclúe a proxección das seguintes obras: Boca de lixo, documental dirixido e guionizado polo brasileño Eduardo Coutinho; as curtametraxes Contras’ City, do senegalés Djibril Diop Mambéty; Guías turísticas satánicas: Polígono de Coia, realizada por Vicisitud y Sordidez; Al-Sandawich, da directora exipcia Ateyyat El-Abnoudy; The Conwy Crossing, de Stephen Hewitt e David Shaw; e o filme As cidades e as Trocas, dos portugueses Luísa Homem e Pedro Pinho. 

Exposición e performance

Entre as actividades paralelas desta décimo oitava edición da MICE destaca tamén unha exposición e performance a cargo da artista Marta Valverde. A proposta que trae ao Museo do Pobo Galego, Cómo reparar una grieta, é unha exploración, a través do audiovisual, a fotografía e a interpretación, da súa persoal experiencia do concepto da rururbanía.

Espazos e entradas

Un ano máis, a programación da MICE desenvolverase en tres espazos da cidade: o Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e a Numax. As entradas son de balde. Máis información sobre como conseguilas, na web http://mice.museodopobo.gal/es/informacion

A 18 MICE, que terá lugar en Santiago de Compostela do 15 ao 21 de marzo, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).