A 17 MICE estrea dúas pezas de xisela franco sobre a cultura mariñeira de a guarda


A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico arranca as súas actividades paralelas coa estrea de dúas pezas da cineasta Xisela Franco sobre a cultura mariñeira da vila de A Guarda. Será o vindeiro 23 de marzo, ás 18:30 no Museo do Pobo Galego, totalmente de balde, ata completar aforo.    Trátase de dúas creacións desenvoltas polo proxecto Atlantic Culture Scape A Guarda, que visibilizan o patrimonio inmaterial da vila, onde a súa xente, o mar e a cultura mariñeira son os elementos vertebradores. Desta forma, as dúas pezas audiovisuais aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental. Unha visión entre o documental e a poesía que nos achega ao mundo mariñeiro da Guarda e as súa xente.
Á xornada asistirán as creadoras do documental e as persoas protagonistas: a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro.   Esta xornada está enmarcada dentro das actividades paralelas que ofrece A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), do Museo do Pobo Galego.
Redeiras da Asociación Atalaia. Autoría: Xisela Franco
Embarcación tradicional de O piueiro. Autoría: María Muiña

Sobre Atlantic CultureScape
O proxecto Atlantic CultureScape é unha iniciativa que estuda e visibiliza o patrimonio inmaterial do espazo Atlántico. Co-financiado polo Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ao abrigo do programa INTERREG Espazo Atlántico, o programa promove a cooperación transnacional entre 36 rexións atlánticas de cinco Estados europeos. Desta forma, participan diferentes entidades e organismos de lugares como Irlanda, Gales, Cantabria, Andalucía, Portugal, […] e Galicia! É así como nace Atlantic CultureScape A Guarda, un proxecto comunitario impulsado pola Universidade de Vigo e levado a cabo grazas á colaboración das asociaicións mencionadas, entre outros actores locais.
Así a través do proxecto foise tecendo un proceso creativo e colectivo que ten como fío condutor o mar, dando como resultado diferentes accións e actividades participativas que poñen en valor, visibilizan e difunden o patrimonio inmaterial local. Entre outras iniciativas, creáronse dous roteiros nos que se recolle todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e que habitan A Guarda. Con estas dúas creacións audiovisuais téntase, unha vez máis, poñer o foco nas comunidades locais: as portadoras e transmisoras de saberes e faceres tradicionais. Deste xeito, Atlantic CultureScape A Guarda pretende dar a coñecer non só a paisaxe da vila mariñeira, senón que tamén a súa historia e o seu patrimonio material e inmaterial.