Remata a 16ª edición da MICE cun recital de poesía, concerto de Modulador de Ondas e entrega de premios

A xornada final da 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico terá lugar este sábado 10 de abril comezando co encontro O que significa recitar, que conecta coa temática de Trazas, a sección programada en colaboración co Cineclube de Compostela, que nesta edición xira arredor da lingua, e máis concretamente, das situacións nas que, por unha ou outra razón –de clase, de xénero, de sentimento nacional, familiares…– se fai máis evidente que non significa o mesmo falar dun xeito que doutro. Ás 12h00 o Museo do Pobo Galego reunirá a  Luz PichelO Leo e a Celso F. Sanmartín, poetas que nos seus traballos, e desde perspectivas moi distintas, fan uso de formas ‘non regradas’ da lingua e que compoñen os seus poemas coa fala como forma de subversión lingüística.

Recital ás 12h00 no Museo do Pobo Galego

A continuación, ás 13h00 no auditorio do Museo do Pobo vaise celebrar a entrega de premios desta 16ª edición da MICE na que concursan once filmes e se reparten cinco premios. O xurado formado por Bibiana Martínez Álvarez (doutora en Antropoloxía Social e investigadora no Grup d’Estudis sobre Reciprocitat da Universitat de Barcelona e no Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña); José Manuel Sande (xestor cultural, activista, docente e programador de cinema do CGAI Filmoteca de Galicia); e Filipe Martins (doutor en Semiótica Social, profesor na Escola Superior de Media Artes e Design e director do festival Family Film Project do Porto) decidirá o premio ao Mellor Filme, dotado con 1000 euros e trofeo, e o premio ao Mellor Filme Galego, dotado con 800 euros e trofeo.

Por outro lado, o xurado AGANTRO outorgará o premio do mesmo nome, concedido pola Asociación Galega de Antropoloxía, dotado con 500 euros e trofeo. Os espectadores e espectadoras elixirán a súa película favorita co premio do Público dotado cun trofeo. E, por outra banda, haberá un novo galardón, o premio CREA outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, dotado con 200 euros e trofeo.

O músico Paulo Pascual, responsable do proxecto Modulador de Ondas.

A entrega de premios estará acompañada dun concerto do Modulador de Ondas, o proxecto do compositor, thereminista e guitarrista Paulo Pascual, o músico que lle pon a banda sonora ao documental que inaugurou esta edición da MICE, Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva de Illa Bufarda.  

Ademais, no quinto día da MICE continúa o taller de Adriana Vila Guevara, Da investigación á creación biográfica, no Museo do Pobo Galego. Esta formación pretende transitar os dilemas e pontes entre a investigación e os pasos á creación de pezas audiovisuais segundo o seu destino (arquivo, rexistro, documental, peza artística ou cinematográfica).

Fotograma de ‘A lingua da vergoña’

Xa pola tarde vanse proxectar os últimos filmes das seccións Trazas e Impropias. Ás 17h30 en NUMAX é o turno de Yezh ar vezh [A lingua da vergoña], de Philippe Durand, que foi escollida polo Cineclube de Compostela nesta selección de filmes coa lingua como tema central porque conta a loita pola supervivencia do bretón. E ás 18h00 no Museo do Pobo pechará as actividades presenciais do festival Tierra Sola, de Tiziana Panizza, que foi seleccionada pola comisaria de Impropias, a realizadora Carolina Astudillo, porque deconstrúe os estereotipos creados arredor da Illa de Pascua. 

Este sábado remata a 16ª edición da MICE en canto ás proxeccións presenciais, pero ata que remate o domingo, 11 de abril, haberá tempo para ver os filmes da sección oficial online a través da plataforma Festhome. A exposición de Paula Ballesteros-AriasONS SOA, que funciona como un relato autoetnográfico da comisaria na illa de Ons, permanecerá aberta no Museo do Pobo Galego ata o 31 de maio