O MUSEO DO POBO GALEGO PON EN MARCHA A MICE EN LIÑA

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020. Esta semana que comeza, a segunda de confinamento, sería a da celebración da décimo quinta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. No extraordinario desta situación, pensamos que a cultura tamén pode ser un espazo de coidados e apoio mutuo, por iso o Museo do Pobo Galego e a dirección da MICE decidiron poñer en marcha este evento dun xeito diferente, non haberá seccións competitivas senón que o que se realizará será unha selección reducida de contidos audiovisuais e formativos que se ofrecerán en liña e que non exclúen a celebración da mostra prevista para a segunda quincena de setembro. Así, todas as persoas que o queirán poderán acceder dende as súas casas a todos estes materiais.

A partir de mañá, martes 24 de marzo, habilitaráse na conta de Vimeo do Museo do Pobo Galego, unha canle na que se irán publicando cada dous días, algunhas das películas que pasaron en anteriores edicións pola MICE. Nesta primeira xornada poderanse ver Grab and run, de Roser Corella, un filme que aborda o rapto de noivas en Kirguizistán e que foi premio á Mellor Película Etnográfica na 13 edición da mostra. Tamén se poderá ver Hora silenciosa de Noelia María Muiño, unha curtametraxe documental que nos achega á forma de vida da comunidade de relixiosas de clausura que viven no convento de San Paio de Antealtares e que o xurado da edición da MICE de 2019 decidiu premiar como a Mellor Película Galega.


Nas seguintes xornadas, habilitarase o visionado doutras películas premiadas na MICE como Nimble Fingers de Parsifal Reparato, un retrato de dúas traballadoras dunha das moitas multinacionais que se asentan en Hanoi (Vietnam); Os fillos da vide de Ana Domínguez, unha viaxe fílmica que vai do persoal ao ancestral a través dos ciclos da vida e das estacións na súa terra natal; Belén de Adriana Vila Guevara, no que mediante un traballo de campo esencial e a través da música, o público poderá coñecer a Belén María Palacios, a “reina do quitiplá”. Tamén se poderá visualizar Tesouro de Corcoesto, de Cora Peña, un documental que se centra na problemática do proceso extractivo da mina de ouro de Corcoesto (Bergantiños) e L’eau sacrée de Olivier Jourdain, unha película que nos mergulla na sociedade ruandesa, explorando a sexualidade da comunidade con humor e espontaneidade.

A programación desta MICE en liña completárase compartindo co público un par de lecturas de interese para o cinema etnográfico, e de cara á fin de semana, estarán dispoñibles contidos para o público familiar, cunha selección de curtas de animación elaborada por Marcos Nine e un video-obradoiro de xoguetes ópticos a cargo de Espacio Rojo.



.