Remata la 17 Mice con entrega de premios y actuación de Tralo-Valo

Sábado, 2 de abril de 2022

A derradeira xornada desta 17 edición da MICE comeza ás 12h30 no Museo do Pobo Galego coa Conversa-Vermú CREA + PROXECTA. Canto nos inflúe a cultura propia á hora de crear audiovisualmente?, Onde queda o exótico da nosa propia cultura?, Botamos man do arquivo fílmico galego?


Tamén continúa o taller Anversos e reversos: metodoloxía etnográfica dos procesos creativos . O apartado de formación sobre a mirada e a representación no cinema etnográfico acolle este anoco antropólogo Jorge Moreno Andrés, e a tamén antropóloga e cineasta Adriana Vila Guevara.  

Pola tarde aínda se poderán ver dúas películas fóra de concurso. A primeira está incluída na selección de Trazas. Trátase de El mar de los peces, do catalán Ferrán Llagostera, con material inédito gravado durante a rodaxe do seu filme Terranova. Será ás 18h00 no Numax.

Fotograma El Mar de los peces

E ás 18h30, no Teatro Principal, poderase ver a quinta película escollida por Mariana Hristova para a sección Impropias: Holidays, de Marina Razbezhkina. O filme conta a historia dos nenos e nenas mansi nun internado na pequena vila rusa Ivdel, que esperan con impaciencia as vacacións de inverno. Esperan volver ó seu lugar natal, onde non hai televisión nin videoxogos. Tárdase un día enteiro en chegar, a través de bosques e campos nevados, pero non hai lugar coma o fogar.

Fotograma de Holidays

Ás 20h30 no Auditorio do Museo do Pobo Galego terá lugar a entrega de premios da 17 edición da MICE, con actuación de TRALO-VALO, o dúo da tocadora Carme da Pontraga e o zanfoneiro Ariel Ninas, cun repertorio baseado na tradición oral galega transmitido polas cantareiras. Para esta ocasión interpretarán temas recollidos polo antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia (1964-1968).  

Tralo-Valo en Soa Bonaval

O xurado desta 17 edición está formado por Adriana Pérez Villanueva, licenciada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e que, dende o 2012, é integrante da produtora audiovisual Illa Bufarda. É a co-directora de Negro Púrpura, película inaugural da pasada edición da MICE e que este ano se estrea en Reino Unido dentro da programación do festival; Vicente Vázquez, formado como artista visual e que traballa dende o 2001 de forma conxunta e individualmente baixo diferentes denominacións. A súa obra está relacionada co ámbito das artes visuais, o cine, a danza contemporánea e a performance; E Humberto Martins, doutor en Antropoloxía Social e Antropoloxía Visual en Manchester. É profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD); Investigador do Centro em Rede de Investigação em Antropologia (CRIA), formando parte do seu Núcleo de Antropologia Visual e da Arte (NAVA) e director da Revista Etnográfica. Outorgarán o premio ao Mellor Filme, dotado con 1000 euros e trofeo, e o premio ao Mellor Filme Galego, dotado con 800 euros e trofeo.  

Por outra banda, o xurado AGANTRO outorgará o premio do mesmo nome, concedido pola Asociación Galega de Antropoloxía, dotado con 500 euros e trofeo. Os espectadores e espectadoras elixirán a súa película favorita co premio do Público, dotado cun trofeo. E, por outra banda, o premio CREA, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, entregará un premio dotado con 200 euros e trofeo.  

Este sábado remata a 17ª edición da MICE en canto ás proxeccións presenciais e en liña, pero continúa até final de curso o programa MICE Petís nas escolas, coas proxeccións das curtas de Olloboi. (inscricións en servizosdeac@museodopobo.gal). Tamén, até o 1º de maio, segue aberta ao público na ala Sur do Museo do Pobo Galego a Exposición, Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen.