Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galegoporá peche a súa 15 edición hoxe sábado 29 de agosto con unha actividade expositiva, a entrega de premios e o concerto de Richi Casás.
Ás 11h da mañá está programada unha visita guiada á mostra temporal ‘As Pequenas Cousas’ da man dun dos seus comisarios Jorge Moreno. Esta edición da MICE trouxo por primeira vez a Galicia esta mostra, iniciativa de Mapas de Memoria, que recolle documentos, cartas e obxectos de persoas que foron perseguidas e represaliadas polo franquismo nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade. Entre o listado de obxectos galegos pódese ver uns botóns de puño de esmalte que pertenceron a José Rodríguez Silvosa, xastre de Lugo asasinado no ano 1938, extraídos na exhumación de Castroncelos (Pobra do Brollón) ou unha reprodución do retrato que realizou o arquitecto Jordi Tell ao artista Mario Granell no cárcere da Coruña, entre outros. A exposición, que estará aberta ao público ata o 20 de setembro no Museo do Pobo Galego, ten un núcleo orixinal de doce paneis e novas achegas procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).
Entrega de premios e concerto con Richi Casás
A entrega de premios desta 15 edición da MICE será tamén hoxe a partir das 12h30 no xardín do Claustro do Museo do Pobo Galego na que membros da directiva do Padroado e Dirección da institución e da Asociación Galega de Antropoloxía farán entrega dos premios á Mellor Película Etnográfica, á Mellor Película Galega, o Premio do Público e o Premio AGANTRO. Ao remate dará comezo a sesión vermú amenizada pola actuación de Richi Casás. A súa música conecta as raíces da tradición galega coas do jazz e está moi vencellada ás gravacións que a musicóloga Dorothé Schubarth fixo na súa Cerceda natal para o Cancioneiro Popular Galego. Para esta sesión vermú, Casás vén cun formato reducido e íntimo acompañado da guitarra de Fran G. Galán. As entradas para este concerto están esgotadas.