A 15ª edición da MICE comeza hoxe co pase das primeiras películas da sección oficial e cine ao aire libre

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020. A programación da MICE comezará hoxe martes 25 de marzo cun formato mixto que combina proxeccións en liña das primeiras tres películas internacionaise as primeiras sesións presenciais no Cinema Numax e no Parque de Bonaval. En canto as proxeccións online, poderemos ver 11,565 Kilometres Project do director Beicheng Zhang, un documental que pasou polo Tribeca’s Contemporary Art Fair, está basado nunha investigación sobre o itinerario dun artefacto chinés localizado noMuseo Universitario de Pensilvania de Arqueoloxía e Antropoloxía (EUA). Este filme resalta as cuestións relacionadas coa circulación de artefactos, o trasfondo colonial histórico e as dinámicas do poder global dentro das coleccións de museos institucionais. Por outra parte, tamén se poderá ver Au printemps tu verras, do francés Nicolas Gerifaud, un documental que se achega ao cinema doméstico e que é case un autoretrato fílmico e persoal da vida do director no proceso de comunicarlle á súa familia a súa homosexualidade. Por último, estará dispoñible a película israelí Elohim rotse bayit da realizadora Irit Shamgar, que nos achega á realidade de catro irmás xudías decididas a traer a salvación ao mundo reconstruíndo o Templo de Xerusalén, un retrato polémico que convida á reflexión sobre os integrismos relixiosos e as mulleres. Os tres documentais son estrea en España e estarán dispoñibles para visualizar nas canles de Vimeo e Dailymotion durante 48 horas. 

Fotograma de la película Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo.

Sesión de apertura no Cinema NUMAX

A sesión presencial de apertura desta 15ª edición da MICE terá lugar no Cinema NUMAX onde se van proxectar dúas das pezas da Sección Oficial a concurso que optan ao premio á Mellor Película Etngráfica Galega: Dende que chegou a luz de Santiago Teijelo e En la boca de la mina de Brandán Cerviño. Este pase inaugural da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico faranos viaxar pola tradición oral do rural galego e os ritos e costumes da tradición cimarrona do poboado mineiro de El Cobre en Cuba. A sesión, de menos dunha hora de duración, contará coa presentación e posterior coloquio dos seus autores. 

Foto: Denís Estévez

Las Cinéphilas no cine ao aire libre
 

Na primeira sesión do Cinema Bonaval, proxectarase o documental Las Cinéphilas, da directora arxentina María Álvarez, será ás 22h00 da noite no Parque de Bonaval. Las Cinéphilas achéganos a unha historia coral sobre mulleres xubiladas de diferentes países que van ao cine todos os días. A mesma directora compartiu funcións de tardes con estas mulleres na súa etapa de estudante, en palabras súas, «alén do amor polas películas, o cine aparece como un lugar de contención da soidade e do paso do tempo». Esta película foi premio do público no OUFF Festival Internacional de Cine de Ourense en 2017.

PROGRAMA COMPLETO PARA O MARTES 25 DE AGOSTO

PROXECCIÓNS PRESENCIAIS – NUMAX 
20.00 | En la boca de la mina, de Brandán Cerviño + Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo | Sección Oficial | Coa presenza dos directores – Cinema no Parque de Bonaval
22.00 | Las Cinéphilas, de María Álvarez 

ACTIVIDADES 
MICE PETÍS | Curtas de animación e obradoiro pre-cine | Dispoñible ata o 29 de agosto

PROXECCIÓNS ONLINE 
11,565 Kilometres Project [Proxecto 11,565 quilómetros], de Beichen Zhang | Sección Oficial. Estrea en España | Ata o xoves 27 de agosto

Au printemps tu verras [Na primavera verás], de Nicolas Gerifaud | Sección Oficial. Estrea en España | Ata o xoves 27 de agosto

Elohim Rotse Bayit [Deus merece unha casa], de Irit Shamgar | Sección Oficial. Estrea en España | Ata o xoves 27 de agosto

Agradecémosvos a difusión e quedamos á vosa disposición para calquera aclaración ou dúbida, así como para concertar entrevistas coa organización.