A 16ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico estrea Os Corpos en Galicia

A cuarta xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que terá lugar este venres 9 de abril acollerá a estrea en Galicia da curta Os Corpos, de Eloy Domínguez Serén. Unha peza inmersiva que filma de modo envolvente os festexos e o ambiente do Entroido ourensán, centrándose nas tradicións de Laza e Maceda, cos felos e a morena. A premiere mundial desta curta, que xa competiu no festival internacional Clermont-Ferrand e no FIC Xixón, tivo lugar no IDFA de Amsterdam. Ás 20h00 no Teatro Principal presentará a peza o seu director e mais a productora Beli Martínez de Filmika Galaica. Despois da proxección haberá un coloquio con parte dos protagonistas da curta e o que será sorpresa para o público da MICE. Representantes do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia asistirán tamén a esta estrea. 

Neste penúltimo día da MICE, da Sección Oficial vanse proxectar tamén as pezasA miña Tera, que estará presentada polo seu director Santiago D. Risco, e Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do colectivo Cinema Semente, que estará representado por Paloma Hernández e Andrés Fernández Albalat. Será ás 17h30 no cinema NUMAX. 
En A miña Terra vemos como a familia do director trata de localizar uns terreos herdados e en Notas sobre a habitabilidade en A Barca asistimos á experiencia deste colectivo para comprender todos os aspectos desta vila. 

Tamén na Sección Oficial está o filme Como el viento, de Raquel Ruiz, que se proxecta ás 17h00 no auditorio do Museo do Pobo Galego, e o documental Hostal España, de Chus Domínguez, Inma Álvarez e as traballadoras e residentes do Hostal España, terá a súa estrea en Galicia tamén desde a Sección Oficial da MICE ás 19h00 no Museo do Pobo.

É posible inventar un idioma? Ese idioma pode conter o mundo? Ese idioma pode protexer e illar ao mesmo tempo? Grace e Virxinia son dúas nenas xemelgas de San Diego que inventaron a súa propia linguaxe privada e o cineasta Jean Pierre Gorin conta a súa historia no filme Poto e Cabengo, da Sección Trazas, que tamén terá a súa estrea en Galicia ás 18h00 no Teatro Principal. 

Este venres dá comezo o obradoiro de Adriana Vila GuevaraDa investigación á creación biográfica, que, sen pretender dar respostas únicas, enfócase en achegar unha variedade de métodos, recursos, principios, discusións e cuestionamentos de base etnográfica pero tamén cinematográfica e creativa, para a aproximación a esa complexa –aínda que tamén apaixonante- labor de comprensión do Outro/Outra.

E ás 16h30 no Museo do Pobo terá lugar o encontro A comunicación de eventos cinematográficos en Galicia, unha mesa coorganizada por Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, e CREA, Asociación de profesionais da dirección e a realización. O cineasta Xoán Escudero moderará a charla na que participan as xornalistas Andrea Villa, María Yáñez e Jesús Silva