A Sección Oficial contén a selección de once filmes coproducidos por oito nacionalidades diferentes (Francia, Marrocos, Portugal, Mozambique, Finlandia, Estados Unidos, Galicia, España). Catro destes filmes terán a súa estrea en España e tres en Galicia durante as datas da MICE.
Algunhas destas películas chegan á MICE despois de ter pasado por festivais internacionais e nacionais: Alcances, o Festival de Cine Documental de Cádiz, no caso de Hostal España; o International Documentary Film Festival in Amsterdam (IDFA) no caso de Neiti aika; o FICX de Xixón ou o Festival Internacional de Cine Indie de Lisboa no caso De los nombres de las cabras; ou o Suncine Environmental Film Festival de Barcelona no caso de Entre pastores e lobos.
O xurado da Sección Oficial outorgará o premio ao Mellor Filme dotado con 1000 euros e trofeo, e o premio ao Mellor Filme Galego está dotado con 800 euros e trofeo. Por outro lado, o xurado AGANTRO outorgará o premio do mesmo nome, concedido pola Asociación Galega de Antropoloxía, dotado con 500 euros e trofeo. Os espectadores e espectadoras elixirán a súa película favorita co premio do Público dotado cun trofeo. Por outra banda, nesta nova edición créase un novo galardón, o premio CREA outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección, dotado con 200 euros e trofeo.
- La Forêt, de Mortada Ouahib e Lo Thivolle [Estrea en España]
- Hostal España, de Chus Domínguez, Inma Álvarez e traballadoras e residentes do Hostal España [Estrea en Galicia]
- Neiti aika, de Elina Talvensaari [Estrea en España]
- A miña terra, de Santiago D. Risco
- Notas sobre a habitabilidade en A Barca, do colectivo Semente (por Alfredo Ruiz, Andrés Fernández, Pablo Paloma, Paloma Hernández e Patxi Burillo)
- De los nombres de las cabras, de Miguel G. Morales e Silvia Navarro
- A poeta analfabeta, de Sonia Méndez
- Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa [Estrea en Galicia]
- Skatepark, de Jonatan Lyrefelt e Kim Ekberg [Estrea en España]
- Viagem aos Makonde, de Catarina Alves Costa [Estrea en Galicia]
- Como el viento, de Raquel Ruiz [Estrea en España]