Santiago, a 15 de maio de 2025.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego celebrou esta mañá a gala da MICEscola. Un acto no que se proxectaron as pezas resultantes do proxecto didáctido escolar.
Nesta terceira edición, a iniciativa da MICE contou coa participación de alumnado do IES de Oroso (Oroso), IES de Cacheiras (Teo) e CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame). Coa titorización do DEAC do Museo do Pobo Galego e as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias, os alumnos e alumnas afondaron nas últimas semanas nas ferramentas do cinema e do método etnográfico para facer a súa propia recompilación da memoria do pasado e do presente.
Ao longo de varias sesións presenciais nos centros educativos e tamén pola súa propia conta, a rapazada desenvolveu as diferentes fases do proceso creativo, desde a selección dun tema e a escrita do guión, até a gravación e a montaxe final da peza. Unha experiencia de traballo conxunto e unha aprendizaxe colectiva que valorou moi positivamente todo o alumnado.
Este ano, todos os traballos realizados xiraron ao redor da tradición oral e, máis especificamente, da poesía e a música popular oral. En concreto, as curtametraxes proxectadas esta mañá no auditorio do Museo do Pobo Galego foron:
- Como a nosa, ningunha, CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame): unha peza que indaga en como se celebraban antes as festas do San Roquiño de Tállara, en contraposición coa maneira en que se desenvolven eses festexos na actualidade.
- Cando o son volve, IES de Oroso (Oroso): unha curtametraxe que toma como fío condutor unha conversa entre unha avoa e dúas netas, facendo unha viaxe ao pasado e descubrindo como eran as festas de antes, a música e as coplas populares e os costumes de socialización nas xeracións previas e como continúa habendo moitos puntos en común coa realidade de hoxe.
- Ao compás das xeracións, IES de Cacheiras (Teo): unha peza audiovisual que parte do traballo cos arquivos, especialmente os álbumes fotográficos familiares. A través do seu uso e da combinación con gravacións actuais, a curta trata a continuidade e adaptación da tradición en relación ao seu valor social, aos contextos e motivacións polos que se cantaba e tocaba. En concreto, afonda en como a música serve agora para mocear, pero tamén o facía antes, e como diferentes xeracións poden atoparse e partillar experiencias a través desa cultura popular musical.








Apoios e colaboracións
A MICEscola forma parte do proxecto didáctico da 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Organizada polo Museo do Pobo Galego, a MICE contou na súa vixésima edición co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.