RÉCORD DE ASISTENCIA E GRANDES DOSES DE ETNOGRAFÍA E HUMOR NA VIXÉSIMA EDICIÓN DA MICE

Santiago de Compostela, a 31 de marzo de 2025.- Unhas catro mil persoas quixeron sumarse á celebración do cinema e a etnografía, participando da programación da vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego. Foron cinco días de actividades desenvolvidas entre o 12 e o 16 de marzo no propio Museo, no Teatro Principal e en NUMAX, con medio cento de proxeccións de filmes e programación para público profesional e escolar.

Palmarés da 20 MICE

Trece filmes competían polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, que recaeu no documental Eros, de Rachel Daisy Ellis. O xurado, composto por Bibiana Martínez Álvarez, Severiano Casalderrey e Rita Capucho, outorgou ademais unha Mención Especial a Silence of Reason, de Kumjana Novakova. O Premio MICE ao Mellor filme galego foi para Corre o vento, unha peza de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera que se fixo tamén co Premio CREA. O Premio do Público foi para a película Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. 

Programación estendida: xornada Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal 

O venres, 4 de abril, terá lugar a xornada organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Asociación Cultural Olloboi e o Museo do Pobo Galego, a través da MICE. A actividade, que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega en horario de mañá e tarde, procurará visibilizar e difundir dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas galegas, da primaria á universidade; tender pontes entre ensino e audiovisual profesional, grazas á perspectiva de institucións como a Filmoteca de Galicia, o Consello da Cultura ou a Agadic; e facer un intercambio con prácticas de Portugal. 

Entrega de premios da 20 MICE. Fotografías: Denís Estévez

O programa ao completo pode consultarse aquí. Entre outras voces expertas, contará coa participación da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, e coa cineasta Coral Piñeiro, responsable xunto con Bruno Arias do proxecto MICEscola, titorizado polo DEAC do Museo. Un programa que ten como obxectivo que o alumnado de secundaria realice as súas propias curtametraxes de contido etnográfico. Nesta terceira edición, participan escolares do IES de Oroso (Oroso), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame). As pezas resultantes poderán verse no marco da programación estendida da 20 MICE no mes de maio. 

Unha mirada humorística á sociedade a través do cinema

O humor e a risa no cinema etnográfico foi un dos eixos temáticos desta vixésima edición, tanto na sección Trazas, realizada un ano máis en colaboración co Cineclube Compostela, como en Impropias, que contou coa presenza da cineasta letoa Laila Pakalnina, referente da cinematografía das Repúblicas Bálticas. Na MICE puideron verse media ducia das corenta pezas que conforman a súa filmografía, en tres sesións nas que o público tamén puido conversar coa cineasta sobre o seu traballo, no que o humor xorde de maneira espontánea das propias situacións que rexistra coa cámara. 

Laila Pakalnina na 20 MICE. Foto: Denís Estévez

A MICE: espazo de creación e formación

A formación e a creación de espazos para a análise volveron ocupar un lugar preferente na 20 MICE, con varias citas de interese para profesionais do cinema e a etnografía. Entre elas, a conversa con Pepe Coira, autor do libro No verán de 1940. Crónica da película “O carro e o home”, quen afondou na significación deste filme fundamental da nosa cinematografía, cuxa copia dixitalizada protagonizou a sesión inaugural. Tamén, a palestra con Emilio Fonseca, quen preestreou na MICE a súa primeira longametraxe, SALVAXE, SALVAXE, antes da súa chegada aos cinemas comerciais. 

Fotografías: Denís Estévez

O debate acerca dos retos e dificultades cos que se atopan as novas cineastas que están a traballar no ámbito do cinema etnográfico con perspectiva de xénero foi o fío condutor dunha mesa redonda conducida pola antropóloga Bibiana Martínez e que contou coa participación de Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, integrantes de Illa Bufarda; a artista visual Mirian Opazo, creadora da imaxe gráfica e da peza audiovisual da 20 MICE; e a cineasta Laura Piñeiro. 

Fotografías: Denís Estévez

Unha MICE para todas 

Acorde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Axenda 2030, a MICE é un festival con perspectiva de xénero, que se demostra por exemplo no feito de que o 60% dos filmes proxectados estaban asinados por mulleres cineastas. É, ademais, un evento comprometido coa accesibilidade, con accións como o subtitulado específico para persoas xordas, no camiño para conseguir unha MICE para todas e todos. 

A 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico estivo organizada polo Museo do Pobo Galego e contou co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. 

Fotografía: Denís Estévez