Santiago, a 14 de marzo de 2025.- Durante toda esta fin de semana continúa en Santiago a programación da 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego, cunha variada proposta de contidos para todos os públicos e con entrada gratuíta.


Na grella de proxeccións, este sábado poderán verse varios dos filmes a concurso, que compiten polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica. En concreto, no Auditorio do Museo pasarase a estrea en España de A s’Orgolesa, a peza de Davide Melis sobre o Canto a Tenore cerdeño. No Teatro Principal, outra das sedes desta 20 MICE, terá lugar a estrea estatal do filme Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil. Tamén se proxectarán A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro, sobre a loita creativa dos habitantes de Covas do Barroso, no norte de Portugal, contra os plans da empresa británica Savannah Resources; así como dous dos filmes galegos que compiten polo máximo premio, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua, e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera.

Será o domingo, a partir das 12:30 horas, nun acto aberto ao público no Auditorio do Museo do Pobo Galego, cando coñezamos o filme gañador, de entre os 13 que participan na sección oficial.
Conversa con Emilio Fonseca, director de SALVAXE, SALVAXE
No capítulo da 20 MICE orientado ao público profesional, este sábado, 15 de marzo, ás 12:30 horas, terá lugar na Ala Sur do Museo unha conversa co cineasta ourensán Emilio Fonseca, logo de preestrear a súa primeira longametraxe no festival. SALVAXE, SALVAXE. Olladas alén do humano será unha oportunidade para compartir coas persoas asistentes o proceso creativo do filme.

Tamén o sábado, en NUMAX, terá lugar a derradeira sesión de Impropias, con Laila Pakalnina, coa proxección de dúas das obras cineasta letoa, Čau, Rasma! e Rumba.
Cineastas galegas emerxentes, a proposta da MICE para a tarde do domingo
O domingo, a partir das 19:00 horas, o Teatro Principal acollerá a segunda sesión de Lindes, cunha selección de filmes de realizadoras galegas emerxentes. En colaboración con Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, e Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, proxectaranse media ducia de pezas resultantes da sección AULA do festival pontevedrés. En concreto, proxectaranse as pezas C.O.I.A., de Gala Rodríguez; A terra ten Glitch e Galice, Galice, de Yasmina Farhani Luaces; Hamalau, de Bea Peres Fernandes; As horas cegas, de Lara e Noa Castro; e Manola das cañas, de Sabela Souto. A sesión contará coa presenza das autoras.
MICE en liña
Ademais, durante toda a fin de semana, está dispoñible a MICE en liña, para visionado online dos filmes premiados na anterior edición da Mostra: Taxibol, de Tommaso Santambrogio, Mellor Filme na 19 MICE; Flotacija, de Eluned Zoe Aiano, Alesandra Tatić, Mención especial; e Habitar, de Anxos Fazáns, Mellor Filme Galego na 19 MICE.
Sedes do festival e información práctica
O Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX abeiran as proxeccións e actividades desta edición, con entrada gratuíta. Todas as sesións contan con subtitulado, específico para persoas xordas no caso dos filmes galegos.
Resumo da programación da 20 MICE para este sábado, 15 de marzo:

Resumo da programación da 20 MICE para este domingo, 16 de marzo:
