A 20 MICE PON O FOCO NO FILME “O CARRO E O HOME” E NA REFLEXIÓN EN TORNO Á ETNOGRAFÍA E O HUMOR

Santiago, a 20 de febreiro de 2025.- A 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego pon o foco nun dos filmes fundacionais da cinematografía galega, O carro e o home. Un documental que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE, hai agora dúas décadas. A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román. En 1980, o etnógrafo xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego, fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recén dixitalizada coa colaboración de AGADIC e a Filmoteca de Galicia, protagonizará a sesión inaugural da MICE, o 12 de marzo no Teatro Principal, nun acto de homenaxe ás persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de colaborar co patrimonio cultural do país. A proxección contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e da obra dos seus artífices.

Imaxe gráfica e peza MICE

O carro e o home é tamén o leitmotiv da imaxe gráfica e da peza audiovisual desta 20 MICE, a cargo de Mirian Opazo (Xinzo de Limia, 1998). Artista visual e cineasta, o traballo desta nova creadora indaga na exploración e investigación artística, a través do audiovisual, de cuestións como a identidade e a memoria, vencelladas sempre ao rural. 

SALVAXE, SALVAXE fai parada na MICE antes da estrea en salas comerciais

O filme gañador da Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga, SALVAXE, SALVAXE, preestréase na MICE antes da súa chegada ás salas comerciais. Neste tempo de crise climática e ecolóxica, a primeira longametraxe do guionista e director Emilio Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, buscando resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Trátase un ensaio fílmico que é “un anti-documental de natureza, no que aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear”. O filme proxectarase o xoves, 13 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal. Ademais, o programa inclúe unha conversa co director, na mañá do sábado 15, co título Miradas máis aló do humano, para compartir coas persoas asistentes as súas prácticas de aproximación e rexistro do salvaxe como formas de encontro, intercambio e acollida. 

Fotograma do filme SALVAXE, SALVAXE, de Emilio Fonseca

A de SALVAXE, SALVAXE será a primeira das dúas sesións incluídas na sección paralela Lindes, que repite carácter formativo nesta 20 MICE. A segunda parte estará dedicada aos traballos con interese etnográfico de cinestas emerxentes do #LAB Novos Cinemas, festival convidado este ano, como integrante de Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. 

Laila Pakalnina, o cinema etnográfico e o humor

Un dos eixos desta 20 MICE será a reflexión en torno á ollada etnográfica e o humor. Un tema que artella parte dos contidos da programación. É o caso da sección que a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego dedica especificamente ao cinema realizado ou producido por mulleres. Impropias convida nesta ocasión á guionista e directora de cinema letoa Laila Pakalnina (Liepaja, 1962), unha das principais referentes da cinematografía do seu país e das Repúblicas Bálticas. O seu cine, afastado da solemnidade, repasa o absurdo de certas situacións que enfronta ás veces cun humor sútil e outras moito máis explicito.  Na MICE presentará seis das súas pezas e conversará coas persoas asistentes ás proxeccións. 

Laila Pakalnina, convidada da sección Impropias na 20 MICE

Sedes do festival e información práctica

O Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas, que serán gratuítas, estarán dispoñibles a partir do 6 de marzo. Todas as sesións contarán con subtitulado, que será específico para persoas xordas no caso dos filmes da sección Galicia.

Apoios e colaboracións

A 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego, e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña, e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.