MICE PETÍS: PONSE EN MARCHA A PROGRAMACIÓN ESCOLAR DA 20 MICE

29 de xaneiro de 2025.- A 20 edición da MICE, que celebraremos do 12 ao 16 de marzo, chega acompañada dunha nova edición da MICE Petís, a sección didáctica para centros escolares.

Na semana do festival, concretamente os días 12, 13 e 14 de marzo, haberá sesións cinematográficas presenciais no Museo, organizadas en quendas por tramos escolares de 11 a 14 horas e cunha duración aproximada de 40 minutos.

Concretamente, para o alumnado desde 2º de primaria até 2º da ESO, proxectarase unha escolma de filmes seleccionados por Severiano Casalderrey, docente e programador experto en cinema curto.

Mentres, as e os escolares de 3º e 4º da ESO e bacharelato poderán ver o filme Dores, unha peza sobre memoria histórica realizada polo colectivo Memoria e Cinema. Unha vez concluída a proxección, haberá un coloquio co co alumnado, coa presenza de integrantes da asociación.

Ademais da modalidade presencial, os centros educativos poderán optar pola modalidade de visionado en liña coa MICE Petís virtual. A través dunha ligazón, poderán descargar os filmes seleccionados polo festival e proxectalos na aula, a partir do 16 marzo e até finais de curso. Neste formato virtual inclúense tamén curtas tamén para o último tramo de educación infantil e 1º de primaria, así como unha unidade didáctica para poder traballar no centro a proposta de Memoria e Cinema.

Toda a información sobre as sesións pode consultarse nesta ligazón. Para inscribirse en calquera das dúas actividades é preciso enviar un correo a servizosdeac@museodopobo.gal.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a área de Cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.