A 18 MICE: UNHA CITA CO CINEMA ETNOGRÁFICO QUE PUXO DE MODA O RURURBANO, CON 40 TÍTULOS NA GRELLA E 5 FILMES PREMIADOS

23 de marzo de 2023.- A décimo oitava edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, celebrada do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, deixounos sete días de programación nos que puideron verse 40 filmes de diversas nacionalidades (da Federación Rusa, México, Arxentina, Italia, Francia, Ecuador, Exipto, Reino Unido, Brasil, Senegal e España, entre outros países). Na grella, amais dunha estrea absoluta, Malgrat de Santi Teijelo, os e as espectadores da MICE puideron desfrutar doutras cinco estreas galegas. Filmes que comparten unha temática común, que foi o eixo desta edición: a rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais.

Por sétimo ano consecutivo, a MICE contou con sección oficial, con 11 títulos competindo polo Premio MICE ao Mellor Filme a nivel Internacional, 4 deles realizados en Galicia que competían tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego.Galardóns que recaeron, respectivamente, en Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró; e Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez. O xurado desta 18 MICE estivo formado pola cineasta e artista Tania Dinís; o educador, director e guionista Xoan Escudero e a politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade Sabela Losada. 

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en Detached, de Vladimir Krivov. O Premio CREA, que outorgaba a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. E o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, fíxose desta volta co Premio do Público. 

Nesta edición da maioría de idade na que a MICE se consolidou como referente no campo da antropoloxía visual, volveron tamén as seccións paralelas: Impropias, Lindes e Trazas. Impropias, dedicada ao cinema realizado ou producido por mulleres, estivo comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío, quen incluíu na súa selección outras dúas películas: Cow, da británica Andrea Arnold; e o documental portugués Eldorado XXI, de Salomé Lamas. 

O cinema luso tivo un papel protagonista nesta MICE, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado e comisario da sección Lindes; na que puidemos ver o filme gañador da última edición do MDOC, Four Seasons in a Day, de Annabel Verbeke; o documental Dispersos Pelo Centro, de António Aleixo; e unha selección de curtametraxes elaboradas ao abeiro de Plano Frontal, unha residencia cinematográfica que transcorre durante o MDOC da man do proxecto AO NORTE. 

O Cineclube de Compostela volveu colaborar coa MICE na sección Trazas, na que se proxectaron referentes do cinema etnográfico que propoñían diferentes reflexións sobre a rururbanía. 

Emoción, cinema e música en directo, na sesión inaugural

Unha das citas clave desta edición foi a sesión inaugural, celebrada no Teatro Principal, coa proxección da recreación que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos) (1934). A evocación dunha obra considerada na súa época como un dos raros exemplos de cine de vangarda en España proxectouse coa música en directo da Orquestra Clásica de Vigo, interpretando en sincronía a banda sonora orixinal da película. 

Tamén especial foi a presentación da Asociación Memoria e Cinema, unha iniciativa para abordar a memoria histórica democrática do país impulsada por un grupo de novas e novos creadores, entre os cales, Coral Piñeiro, a autora da imaxe gráfica e da peza audiovisual da 18 MICE

O Teatro Principal, o Museo do Pobo Galego e a sala Numax volveron ser os tres espazos que acolleron a programación desta 18ª MICE. Unhas 3.000 persoas participaron nas proxeccións e nas actividades do festival. Na programación paralela desta edición, houbo propostas moi variadas: desde a exposición e performance da artista Marta Valverde, ata formación para profesionais, a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola. Tamén, un programa de achegamento do alumnado ao cinema etnográfico, no marco da MICE Petís. Este ano, cunha novidade: un proxecto piloto de creación de curtas en tres institutos galegos e co grupo mozo do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela), titorizado polo DEAC do Museo e o creador e docente Bruno Arias. As pezas audiovisuais resultantes desta formación proxectaranse no Museo do Pobo Galego no mes de abril. Ademais, ata final de curso os centros educativos galegos poderán participar na MICE Petís Virtual, programando na propia aula proxeccións de filmes que pasaron por anteriores edicións na Mostra. Iniciativas enmarcadas no compromiso da MICE coa educación, conscientes do valor do cinema e os medios creativos no desenvolvemento sociocultural das persoas, especialmente as máis novas.

Unha MICE comprometida co desenvolvemento sostible 

Nesa mesma liña de responsabilidade cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Axenda 2030, a perspectiva de xénero definiu tamén esta décimo oitava edición da MICE. O 90% do equipo organizador e de produción estivo integrado por mulleres e a porcentaxe de autoras femininas na programación situouse no 50%. 

O reinvestimento económico no territorio foi outra das bases desta MICE que traballou con provedores e profesionais locais e da comarca de Compostela, procurando que a maior parte do orzamento que mobiliza o festival redunde no tecido económico galego. Do mesmo xeito, tamén se procurou a accesibilidade universal con, entre outras accións, o uso de subtítulos en todas as proxeccións, ou a reserva de asentos ou localidades preferentes para persoas con mobilidade reducida. Todo, para garantir o desfrute dun evento que pretende ser para todos e todas

A 18 MICE contou co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.