A MICE CELEBRA A SÚA 18ª EDICIÓN COA RURURBANÍA COMO FOCO TEMÁTICO

Mércores, 15 de febreiro de 2023

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acada este ano a maioría de idade. A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, abre a temporada anual de festivais e mostras galegos de cinema. 

Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais. O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como boa parte das accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades. 

A imaxe da MICE

Tamén a imaxe da MICE elixida para este 2023 está inspirada no concepto da rururbanía. A novísima creadora Coral Piñeiro é a artífice do cartel, así como da peza audiovisual promocional desta décimo oitava edición. 

Formación na MICE

A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola, que impartirán o taller “De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual”. 12 horas de formación especializada que terán lugar o luns 20 e o martes 21 de marzo. As inscricións poden realizarse do 6 ao 15 de marzo, escribindo un correo a mice@museodopobo.gal

MICE Petís

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá unha programación específica dirixida ao público escolar, no marco da MICE Petís. Unha proposta coordinada polo DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego e o cineasta vigués Bruno Arias, para achegarse, a través do audiovisual e o documental de non-ficción, á visión da xente moza sobre a cultura e as tradicións galegas. Para iso, nesta edición ponse en funcionamento un programa piloto co alumnado de tres institutos galegos e co grupo mozo do CSC Aurelio Aguirre de Conxo, en Santiago de Compostela. Realizarán o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea ata a edición final. O resultado do programa proxectarase no Museo do Pobo Galego o venres 31 de marzo.

En paralelo, un ano máis, haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten. A partir do 14 de marzo e ata final de curso poderán acceder a unha escolla de filmes etnográficos proxectados nestas dezaoito edicións da MICE, tramitando as solicitudes en servizosdeac@museodopobo.gal

Un festival sustentable

En cumprimento do Pacto Cultura Sustentable, asinado en 2021, e coa Axenda 2030 no punto de mira, a MICE mantense como evento accesible, a prol da sostibilidade medioambiental e artellado desde a perspectiva de xénero. De novo, repite cun equipo eminentemente feminino, desde a dirección, en mans de Ana Estévez Lavandeira; a produción e a programación, cunha ampla representación de cineastas en toda a grella e cunha sección –Impropias– dedicada especificamente a elas. 

A 18 MICE está organizada polo Museo do Pobo Galego, e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.