A Portrait On The Search For Happiness e El último de Arganeo, gañadoras da 17 Mostra Internacional de cinema etnográfico

O xurado da 17º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego concedeulle o Premio MICE a Mellor Filme, dotado con 1000 euros e trofeo, a A Portrait On The Search For Happiness, película sobre a minería de diamantes na Africa do Sul que consegue achegar a realidades invisibilizadas na maior parte das veces pero que nos mostran a fraxilidade da condición humana e do Mundo en que vivimos. Cunha historia, unha realización e unha montaxe que axudan a diversificar a idea e as discusións referentes ás convencións da antropoloxia visual e das formas de representación a traves do filme.

O seu director, o alemán Benjamin Rost, agradeceu o recoñecemento ao xurado e ao festival, e asegurou que “o premio é unha honra e unha sorpresa porque a película espertou un interese por un cinema localizado no outro lado do mundo, no sur de África”, e engadiu que “nos tempos de crise en Europa é importante que nos interesemos os uns polos outros , simplemente como seres humanos”.

Fotograma A portrait On The Search For Happiness

O Premio MICE a Mellor Filme Galego foi para El último de Arganeo, por ser unha película de personaxe sobre un mozo pastor cun tema moi importante para os tempos actuais, permitindo a visibilización de modelos en período de extinción e creación de referentes identitarios de ligazón a lugares que tenden a ser esquecidos. O deputado de Cultura da Deputacion de A Coruña, Xurxo Couto asisitiu ao acto no autitorio do Museo do Pobo e foi o encargado de entregar o premio, dotado con 800 euros e trofeo.

Fotograma El último de Arganeo

A Mención de Honra do Xurado foi para Pedra patria, de Maciá Florit, pola intensidade, porque extrapola un lugar persoal da migración que é un problema universal. Cine diarístico que ademais contén o tema de identidade nacional..

Fotograma Pedra patria

O xurado da sección oficial da 17 MICE está fomado por pola cinesta Adriana Pérez Villanueva; polo tamén cineasta e artista visual Vicente Vázquez, e por Humberto Martins, doutor en Antropoloxía Social e Antropoloxía Visual en Manchester e profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu no filme francés Pour Votre Confort Et Votre Sécurité, de Frédéric Mainçon. Pola investigación etnográfica acerca da invisibilidade e do estereotipo das persoas racializadas nas sociedades europeas; polo uso da cámara como dispositivo para salientar a inmobilidade e o desgaste de quen vixía as salas dun museo; e por colocarnos nunha posición de observación, e á vez de participación, revelando así os sesgos coloniais e culturais que se esconden na mirada etnocéntrica.

Fotograma Pour Votre Confort Et Votre Sécurité

A Mención de Honra do xurado AGANTRO foi para Room Without a View, da cineasta catalá Roser Corella, polo tema, pola historia arredor de formas de escravismo moderno e de violencia contra as mulleres en nome da ‘cultura’.

Fotograma Room Without A View

O xurado Agrantro está formado por Antonela Mannelli, licenciada en Antropoloxía pola Universidad Nacional de La Plata en Arxentina; Beatriz Busto, profesora na Área de Antropoloxía Social na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela e Iñigo Sánchez-Fuarros, investigador Ramón e Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC.

O Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para a película Paraíso, por ser un filme que mostra unha relacion sensorial e emotiva das persoas co seu lugar (La Kave), que rexeitan unha visión produtivista do bosque.

Fotograma Paraíso

O Premio do Público foi para Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro. A súa película reconstrúe a vida de Vilagarcía de Arousa e dos seus habitantes a través de vellas películas que gardaba a veciñanza e que doaron á asociación O Faiado da Memoria.

Fotograma Resonancias do pasado

O acto de entrega de premios tivo lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego, cunha pequena actuación do dúo formado por Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, Tralo-Valo.

As proxeccións da 17 edición da MICE remataron este sábado pero continúa a exposición Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen, na ala Sur do Museo do Pobo até o 1º de maio. Ademais, MICE Petís leva as curtas de Olloboi ás escolas de Galicia até final de curso. Inscricións en servizos deac@museodopobo.gal