As directoras do Leste de Europa protagonizan a sección Impropias da 17 edición da MICE

A 17 MICE adianta o contido das seccións paralelas: Impropias, Trazas e Lindes

A crítica e programadora de cinema búlgara, Mariana Hristova, será a ecargada de comisariar Impropias, unha das seccións paralelas da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, que se celebrará en Santiago do 28 de marzo ao 2 de abril.

A selección de Mariana Hristova, realizada meses antes de que se declarase a guerra en Ucrania, fai un percorrido polas antigas terras soviéticas que, actualmente en contextos e fronteiras diferentes, aínda están conectadas por un pasado común que definiu a vida social, laboral e persoal dos seus habitantes e que, como vemos precisamente cos tristes acontecementos destes días, segue tendo un peso fundamental. A través das miradas sutiles e penetrantes de catro cineastas, a programación levará ao público a recantos pouco coñecidos do que no seú día foi a Unión Soviética, co foco posto na multiculturalidade do territorio, a cotidianidade despois da desintegración, así como tamén as perspectivas políticas e sociais que están agora mesmo no centro das miradas.

As películas que se proxectarán dentro de IMPROPIAS son: Transnistra, da cineasta sueca Ana Eborn, Sunny/Mziuri da directora xeorxiana Keti Machavariani, Vacacións, da directora rusa Maria Razbezhkina,  The Hope Factory , da tamén creadora rusa Natalia Meshchaninova, e Heat Singers, da ucraniana Nadia Parfam.

Outra das seccións do festival, TRAZAS, na que a MICE colabora co Cineclube de Compostela, ten como coordinador, este ano, a Vicente Vázquez Peleteiro. Como convidado especial estará o cineasta catalán Ferrán Llagostera, co filme “El mar de los peces. Notas sobre el Gran Sol” . Tamén se proxectarán nesta sección O něčem jiném, de Véra Chytilová, Les prostituées de Lyon parlent , Carole Roussopoulos, Three Quarters, de Kevin Jerome Everson, Shannon one design, de David y Sally Shaw-Smith, e Classe de Lutte, de Groupe Medvedkine de Besançon.

Trazas busca visualizar os traballos invisíbeis, os temas tabús normalmente apartados da cultura obreira a través dunha serie de propostas formal e tematicamente provocadoras.

LINDES é outra das seccións paralelas desta 17 edición da MICE. Un punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico, no que a muller volve ter protagonismo. Proxectaranse Nación, de Margarita Ledo,  A virxe roxa, de Marcos Nine e Cadernas de Olloboi, un documental sobre o cine nas aulas galegas nos últimos 10 anos que se poderá ver na sesión inaugural da 17 MICE.

O festival terá lugar do 28 de marzo ao 2 de abril en Santiago e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).