tres filmes galegos compiten na SECCIÓN internacional da 17ª MICE 2022

Tres películas galegas competirán polos premios a Mellor Filme e Mellor Filme Galego na 17 edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 28 de marzo ao 2 de abril en Santiago de Compostela. Os títulos, escollidos entre máis de 1000 candidaturas chegadas de todo o mundo, son Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, El último de Arganeo, de David Vázquez, e Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo. 

Resonancias do pasado é o novo filme de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, que forman parte de O faiado da memoria, a asociación arousana que recupera a memoria de Vilagarcía. Neste filme reconstrúen a vida da vila a partir de vellas películas domésticas gardadas pola veciñanza. O filme compón e descompón un crebacabezas de vivenzas e de espazos que van dos anos 20 aos 80, a través dun grupo de persoas de distintas idades que, reunidas arredor dun proxector, comentan as imaxes.    

Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo, fálanos dunha tradición artesá de gran valor sociocultural que pervive na memoria colectiva deste concello do Sur da provincia de Pontevedra. A tradición que encarna Enrique Táboas, o último cesteiro de Mondariz,  conéctase no filme coa proposta innovadora de Idoia Cuesta, unha artista amplamente recoñecida polo seu traballo creativo coa técnica artesanal da cestaría.

El último de Arganeo trae de novo á MICE a David Vázquez. O chantadino xa estivera no festival en 2017 con O Moredo. A resistencia do Entroido ribeirao. Nesta ocasión, o director rodou en León para contar a historia de  Edilberto Rodríguez, un mozo de 24 anos que o deixa todo para ser pastor na terra dos seus avós. Todos os anos sobe a Arganeo, onde reconstrúe os vellos currais abandonados e permanece todo o verán co seu rabaño. O amor polos animais, a natureza, as tradicións…. todo o que aprendeu do seu avó e da súa avoa en Silván ( Benuza, León), fai del unha persoa única á súa idade, alguén que garda as costumes dun tempo que xa desapareceu e dunha terra que envellece aos poucos, pero que o fai cunha mirada nova que transmite alegría e esperanza.  

A MICE Museo do Pobo Galego recupera este ano a presencialidade de todas as seccións e actividades mantendo, nesta décimo sétima edición do festival, unha programación específica para o medio dixital.

Entre as actividades que se celebrarán tamén hai  obradoiros de formación e mesas de debate. 

O antropólogo e fotógrafo Jorge Moreno Andrés e a tamén antropóloga e cineasta Adriana Vila, son os docentes do obradoiro desta edición. Son 12 horas de formación especializada baixo o título Anversos e reversos: metodoloxía etnográfica dos procesos creativos.

As mesas de debate profesional, artelladas en colaboración con PROXECTA, a coordinadora galega de festivais de cinema, e con CREA, a asociación dos e das profesionais da realización, xirarán entorno aos procesos de creación e divulgación de proxectos de difusión do cinema documental.  

Tamén haberá actividades para os centros escolares e para familias na sección MICE Petís. Este ano o Olloboi, un festival audiovisual de curtametraxes feitas no ámbito escolar que naceu en 2009 en Boiro, é o coordinador da proposta da MICE para o público máis novo.  O programa consta dunha selección de curtas recentes promovidas desde este festival e que constituirán sesións presenciais en horario matinal no Museo do Pobo Galego para o alumnado de escolas e institutos. Tamén haberá dúas sesións na fin de semana en centros socioculturais de Compostela para o público familiar.  Ademais, esta selección de Olloboi,  fai parte da MICE en liña,  cunha proposta dispoñible até fin de curso e que permite  programar estas curtas nos propios centros escolares.

A 17 MICE celebrarase do 28 de marzo ao 2 de abril en Santiago de Compostela, con sesións e actividades por toda a cidade: Museo do Pobo Galego, Teatro Principal,  NUMAX e o CSC de Conxo. O festival está promovido polo Museo do Pobo Galego e conta coa apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, e AGADIC.

Resonancias do Pasado
El Último de Arganeo
Notas sobre os cesteiros de Mondariz
  • Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro
  • El último de Arganeo, de David Vázquez
  • Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo.