Primeiros pases presenciais e online da Sección Oficial no segundo día da 16 edición da MICE

A programación da MICE continuará este mércores 7 de abril cun formato mixto que combina as sesións presenciais de tres películas da Sección Oficial coa proxección online a través da plataforma de Festhome. Os primeiros pases físicos terán lugar entre o Museo do Pobo e o Teatro Principal. No primeiro espazo, ás 17h00 da tarde proxectarase Skatepark de Jonatan Lyrefelt e Kim Ekberg, un filme que se achega á comunidade de skaters do coñecido parque de Lake Forest (California), nun dos espazos máis grandes para practicar este deporte nos Estados Unidos. Ás 19h00 no Museo será o pase de De los nombres de las cabrasde Miguel G. Morales e Silvia Navarro. Inmerso nos mitos coloniais un arqueólogo percorre as últimas casas cova en Canarias interrogando a vellos pastores para atopar os restos dos antigos aborixes que habitaban eses lugares. Este filme levou o Gran Premio Cidade de Lisboa á mellor longametraxe no Festival Internacional de Cine Indie Lisboa en 2019.

Por outra parte, tamén se poderá ver dentro da Sección Oficial Entre pastores e lobosde Manuel Pedrosa, que terá a súa estrea en Galicia na MICE. Será ás 20h00 no Teatro Principal coa presenza do director e dunha parte dos pastores protagonistas que saen na película. O documental conta un recorrido polas memorias e investigacións do biólogo Pedro Alonso sobre o lobo ibérico, que se achega á natureza salvaxe e á complexidade dos ciclos naturais das montañas de Galicia. Entre pastores e lobos, que se rodou durante cinco ano no Macizo Central, levou dous galardóns no Suncine Environmental Film Festival de Barcelona. 

Fotograma de ‘Journal inachevé’.

Estrea en Galicia de Un’ora sola ti vorrei Journal inachevé

A actividade deste mércores, día 7, complétase co pase do filme Un’ora sola ti vorrei, de Alina Marazzi, que forma parte da sección Impropias e terá a súa estrea en Galicia ás 19h30 no cinema NUMAX. Como todas as películas de Impropias, foi escollida pola realizadora, xornalista e investigadora Carolina Astudillo porque dialoga coa memoria e coa maneira que temos de recordar. “Un’ora sola ti vorrei é un exercicio de memoria fermoso e duro, pois, na mesa de montaxe reviven os corpos e as voces das mulleres, filmadas polo avó que nunca puido ver máis alá das aparencias e que agora son resignificados pola directora”, salienta Astudillo. Na sección Trazas, comisariada polo Cineclube de Compostela, é a quenda de Journal inachevé de Marilú Mallet, que se estrea en Galicia ás 18h00 no Teatro Principal. Neste filme Mallet, de orixe chileno e residente en Canadá, loita por facer unha película sobre a experiencia de profundo illamento do exilio. O seu esposo de fala inglesa, un destacado cineasta, critica o seu enfoque subxectivo da cinematografía; o seu fillo pequeno, criado en Quebec, só fala francés. O filme achéganos un pouco máis ao coñecemento e á reflexión sobre todo aquilo que realmente significa falar unha lingua.

Segue aberta ao público a exposición ONS SOA 

En horario habitual do Museo do Pobo Galego segue aberta ao público a exposición ONS SOA, comisariada pola etnógrafa e arqueóloga Paula Ballesteros-Arias. Esta mostra está realizada a partir dunha investigación para o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 na Illa de Ons. ONS SOA compónse de 19 fotografías e outros documentos audiovisuais. Un achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e das testemuñas das persoas que residen na illa no momento do traballo de campo. A exposición, como un relato autoetnográfico, resume as inquedanzas e impresións da antropóloga sobre o patrimonio cultural de Ons, unha mostra práctica -e sensorial- de antropoloxía visual. A exposición estará no Museo ata o 30 de maio de 2021.