A exposición ONS SOA achega o patrimonio da illa ao Museo do Pobo na 16ª edición da MICE

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021. A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo acolle como actividade paralela a exposición ONS SOA, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons.

A exposición, que se poderá visitar no Museo do 23 de marzo ao 30 de maio, mostra unha selección de 19 fotografías e pezas audiovisuais que proceden da investigación de Paula Ballesteros-Arias no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 xunto con materiais propios que foi recompilando dende finais dos 80 ata 2016. Un achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e das testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación.

A diversidade dun territorio illado

A exposición ONS SOA, como un relato autoetnográfico, resume as inquedanzas e impresións da antropóloga sobre o patrimonio cultural da illa de Ons, unha mostra práctica -e sensorial- de antropoloxía visual.

“Trato de plasmar a diversidade dun territorio illado, relativamente pequeno, onde os contrastes son unha parte esencial que marcan a súa singularidade, partindo do que vemos, do espazo físico onde as súas vertentes leste e oeste están claramente diferenciadas. Cara ao mar aberto do Atlántico ten unha costa abrupta e recortada con pequenas enseadas de coídos, cantís e covas mariñas. Porén, cara á ría, os areais ocupan unha parte moi importante do espazo, e onde atopamos a paisaxe agraria e os pequenos núcleos de poboación, onde acontece a vida social e o achegamento ao continente. Esa dualidade tan marcada entre a paisaxe salvaxe e a máis doméstica é o inicio do percorrido da exposición”, explica a comisaria.

Ons: unha illa habitada

A illa de Ons (Bueu, Pontevedra) pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dende o 2002 xunto cos arquipélagos de Cíes, Sálvora e Cortegada. É o único que aínda está habitado. Paula Ballesteros comezou a idear este traballo no verán de 2006, cando nun paseo pola praia de Canexol recoñeceu algo no cantil que lle fixo pensar en que alí houbera unha manufactura de salgadura de peixe da época romana. Nese momento inicia unha investigación de varios anos publicada polo CSIC no volume Ons: unha illa habitada.

Encontro arredor de ONS SOA

O xoves 25 de marzo, ás 17h30, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha conversa entre a comisaria da exposición, Paula Ballesteros-Arias, o director do filme Ons Alfonso Zarauza e o vixilante de recursos naturais do Parque Nacional da Illas Atlánticas Roberto Castiñeira Lavadores, moderados pola directora da MICE, Ana Estévez. O único arquipélago que fica habitado das Illas Atlánticas centrará un coloquio que aboradará a illa desde o cinema, a literatura e a educación medioambiental. Os convites poden retirarse neste enlace.

A continuación, ás 19h30, proxectarase a película Ons, de Alfonso Zarauza, no auditorio do Museo do Pobo. As entradas poderán retirarse de xeito gratuíto a través da plataforma Vivetix.