COMUNICADO OFICIAL: APRAZAMENTO DA 15ª mOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020. A dirección da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e o Padroado do Museo do Pobo Galego decidiron aprazar a décimo quinta edición da MICE, cuxa celebración estaba prevista do 23 ao 29 de marzo, por precaución ante os últimos datos coñecidos arredor da progresión do COVID-19.

A cancelación da presenza dalgúns convidados/as de relevancia para a programación do festival pola prohibición de viaxar desde algúns países condiciona a celebración con normalidade da mostra. En previsión das medidas que se podan aplicar nos próximos días e por responsabilidade social, tomamos esta medida que, aínda que difícil, é a máis adecuada debido ás complicadas circunstancias que se están vivindo.

O equipo da MICE segue traballando para que o festival poda celebrarse con normalidade considerando como posibles datas a segunda quincena do mes de setembro.