MICE EN LIÑA

PROXECCIÓNS PARA VER NA CANLE DE VIMEO: 

📺 Estarán dispoñibles para ver ata o luns, 30 de marzo. Tamén está subido o obradoiro para público infantil e familiar de xoguetes ópticos de Espacio Rojo. Máis info aquí.

NIMBLE FINGERS, DE PARSIFAL REPARATO (2018)

Sinopse: A man de obra das multinacionais que se asentan en Vietnam son na súa maioría mulleres novas. ‘Nimble fingers’ significa “dedos áxiles”, os que posúen estas mozas, quen ademais adoitan ser dóciles e non estar sindicadas. A cámara reflicte a vida cotiá de dúas traballadoras, dúas inmigrantes das terras altas do norte de Vietnam que viven e traballan nos suburbios de Hanoi, un dos centros industriais máis grandes do mundo.

Detalle: ‘Nimble Fingers’ levou o premio ao Mellor Filme Etnográfico na décimo cuarta edición da MICE Museo do Pobo Galego, o Premio Especial do Napoli Film Fest, o Premio á Mellor Mediometraxe nos Golden Tree International Film Festival de Franfurt, e fixo parte da sección oficial doutros moitos, como o Taiwan International Ethnographic Film Festival – TIEFF, o Etnovieográfica do METCyL ou a Mostra Ecofalante de Cinema de Sao Paulo.

BELÉN, DE ADRIANA VILA GUEVARA (2017)

Sinopse: Dedicada con devoción á súa primeira longametraxe documental ‘Belén’, en 2008 comezou un traballo de campo etnográfico sobre memoria e representación afro-venezolana que a levou a coñecer e vivir con Belén Palacios, a raiña do Quitiplá, durante 4 meses na súa comunidade: Tapipa. A partir desa experiencia, e unha vez que rematou a tese de Máster en Antropoloxía e Etnografía, decidiu volver a ese lugar para facer un documental sobre ela. Pero Belén parece que xa non está. Aínda que só o pareza.

Detalle: Adriana Vila é cineasta, artista e antropóloga venezolana. A súa obra (variante e variable) desprázase entre a creación documental, o estudo etnográfico, e o cinema experimental. Belén obtivo o Premio do Público na 13ª MICE do Museo do Pobo Galego e no Caracas Doc. Pasou por festivais como o Festival de Cinema Latino-Americano de São Paulo, a Mostra Internacional Films de Dones e o FILMAR en América Latina.

TESOURO DE CORCOESTO, DE CORA PEÑA (2015)

Sinopse: Este documental xorde da urxente necesidade de falar dun modelo extractivo que se pretende instalar en Galicia. Está centrado no caso da mina de ouro en Corcoesto, comarca de Bergantiños. Un proxecto determinante, non só polas graves secuelas que podería deixar na saúde humana e ambiental, senón porque se considerou o punto de partida dun novo plan da Xunta de Galicia para o manexo do territorio. Unha tendencia que se estende pola Europa máis debilitada pola crise de poñer en saldo os recursos e a terra, ao servizo de multinacionais e do sector financeiro internacional.

Detalle: Dirixida pola documentalista Cora Peña, a longametraxe de produción independente e reflexión política, apoiada polo micro-mecenado de 180 persoas e asociacións, gañou o Premio ao Mellor Filme Galego na edición da MICE de 2016, por onde xa pasara anteriormente co documental ‘Apash, los de fuera’ (2011).

CANLE DE VIMEO: https://vimeo.com/channels/1550928


LECTURAS: OLLARES INTENCIONADOS. Algúns materiais arredor do cinema etnográfico.

El medio audiovisual como herramienta de investigación social. Adriana Vila Guevara (coord.) Documentos CIDOB Dinámicas Interculturales 12.

Sobre a imposibilidade dun cine antropolóxico. Un proxecto de reflexión colectiva sobre como pensar a antropoloxía audiovisual desde os seus límites, problemas e posibilidades actuais. Unha proposta do LAAV_ do MUSAC.


Para o público familiar.

Obradoiro Pre-Cine, creando xoguetes ópticos e zoótropos para nenos e nenas. Con Espacio Rojo.


MICE PETÍS. Selección de curtas de animación a cargo de Marcos Nine.

O saber dos pobos, a súa idiosincrasia, a súa maneira de ser e entender o mundo transmítese de xeración en xeración en forma de historias. Ás veces de contos, de narracións breves, de pequenas ensinanzas agochadas en refráns e proverbios. Estas ensinanzas chegan a nós desde a infancia, a partires da narración oral, de texto e do cine. O cinema converteuse nunha importante ferramenta non só para a creación de obras senon para a transmisión de obras xa existentes contribuíndo así a transmisión de mitos e con eles da identidade dos pobos. A través da rede hoxe podemos acceder a filmes de multitude de países e culturas e con eles comprobar cales son as nosas singularidades pero igualmente identificar todo aquilo que nos une.

Lista de películas (sinopses na lista de reproducción de YouTube):

  • ‘XIAO KE DOU ZHAO MA MA’ [‘Onde estás mamá?’], Te Wei, 1960 (a partir de 2 anos).
    ‘LES TROIS INVENTEURS’, Michel Ocelot, 1980 (a partir de 6 anos).
  • ‘MU DI’ [‘A flauta do neno búfalo’], Te Wei codirixida con Qian Jianjun, 1963 (a partir de 2 anos).
  • ‘YU BANG XIANG ZHENG’ [‘A loita entre a garza e a ameixa’], de Hu Jinquing, 1983 (a partir de 2 anos).
  • ‘CALIPG STORK’ [‘O Califa cigoña’], Lotte Reiniger, unha das pioneiras do cinema de animación, 1929 (a partir de 3 anos). 
  • ‘A FRAUTA MÁXICA’, Valeriy Ugarov, 1995 (a partir de 5 anos).
  • ‘LES TROIS INVENTEURS’, Michel Ocelot, 1980 (a partir de 6 anos).