Xurado das seccións oficiais: internacional e galicia
Integrado por Bibiana Martínez Álvarez, Severiano Casalderrey e Rita Capucho. Outorgarán os seguintes galardóns:
- Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, patrocinado pola Asociación Galega de Antropoloxía e dotado con 500 euros e trofeo.
- Premio MICE ao Mellor filme etnográfico galego, dotado con 500 euros e trofeo.



BIBIANA MARTÍNEZ ÁLVAREZ
Doutora e licenciada en Antropoloxía social pola Universitat de Barcelona (UB). Máster en antropoloxía e etnografía con formación en antropoloxía visual (UB), e cursou cine social na escola de cine El Observatorio de Barcelona ademais de formación específica sobre cine etnográfico con Roger Canals (UB).
Forma parte dos grupos de investigación GER (Grup d’Estudis sobre Reciprocitat da UB) e GET (Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña). A súa liña de investigación céntrase na antropoloxía económica -dende unha perspectiva co foco na economía política- no contexto rural en Galicia, en concreto nas problemáticas ás que se enfrontan as granxas familiares. Esta investigación, deulle a oportunidade de realizar distintas publicacións, así como a participar en diversas estancias académicas e congresos estatais e internacionais. Coordinou xunto con Paula Ballesteros-Arias, Joan Roura e Carlos Diz a sección de cine etnográfico no 14th International SIEF Congress celebrado en Santiago de Compostela.
severiano casalderrey
Docente, pianista, ensaísta, crítico e programador de cinema. No plano literario, é autor de catro publicacións sobre cinema e curtametraxe. Resultou gañador na categoría de ensaio de cinema internacional nos VI Premios María Luz Morales (2022), ademais de lograr dous accésits (edicións 2021 e 2024). Colabora habitualmente con revista Tempos Novos realizando crónicas sobre festivais de cinema e entrevistas, tanto a profesionais do cinema como a personalidades da música clásica.
En canto á súa experiencia como programador de cinema, esta esténdese por máis de quince anos. Foi director do festival de animación ANIRMAU (2010-13), ademais de formar parte do equipo de programación do FICBUEU (2012-23), sendo o seu subdirector nos últimos anos entre 2019 e 2023. Na actualidade, desenvolve a súa actividade no festival de animación IMAXINARIA (A Coruña) e outros proxectos da produtora viguesa Abella Producións, entre eles o GFFF (Vigo) e Cinema Miúdo (Ames).
Así mesmo, participou como xurado en preto de vinte festivais internacionais (Cinanima, TIDCA-Taipei, IbizaCineFest, Curtas Vila do Conde, PortoFemme…). Tamén é membro da Academia de Cine de España (responsable dos Premios Goya) e da Academia Galega do Audiovisual (organizadora dos Premios Mestre Mateo).
rita capucho
Rita Capucho é unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme – Festival Internacional de Cinema, programadora das Femme Sessions e do Shortcutz Aveiro. Desenvolve o seu traballo como produtora, comisaria e formadora en varias organizacións culturais. Ademais, exerce como coordinadora e formadora no proxecto Cinamiza-te, dedicado á formación de público xuvenil na área do cinema. Participa como membro do xurado en diversos festivais internacionais de cinema.
É fundadora e forma parte da dirección de MUTIM – Asociación das Mulleres Traballadoras da Imaxe en Movemento. Doutoranda en Comunicación e Activismo na Universidade Lusófona, é licenciada e máster en Estudos Artísticos pola Facultade de Letras da Universidade de Coimbra. Forma parte do CICANT – Centro de Investigación en Comunicación Aplicada, Cultura e Novas Tecnoloxías e do CEIS20 – Centro de Estudos Interdisciplinares do Séc. XX da Universidade de Coimbra. Ademais, participa no proxecto de investigación SPECULUM – Filmar-se e Ver-se ao Espelho: O uso da escrita de si por documentaristas de língua portuguesa.
É presidenta da directiva do Grupo Poético de Aveiro. Na actualidade, forma parte do grupo coordinador da revista Folhas letras & outros ofícios. É unha das organizadoras do Poetry Slam Aveiro e unha das coordinadoras da Plataforma Portugal Slam.
Foi unha dos membros fundadores de AVANCA | CINEMA – Conferencia Internacional Cinema – Arte, Tecnoloxía, Comunicación, así como do International Journal of Cinema, onde desempeñou funcións como produtora editorial. Ademais, foi programadora do Cinema Dolce Vita de Ovar, das Quintas de Cinema do Cine-Teatro de Estarreja e de Os Filmes das Nossas Terças no Teatro Aveirense.