Esta sección paralela da MICE é un punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico, que fan referencia tamén ás fronteiras, tanto as xeográficas e culturais como as propias dun cinema no que se dilúen os límites entre a ficción e o documental.
Nesta vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, serán dúas sesións abertas ao público con carácter de presentación e coloquio.
LINDES CON EMILIO FONSECA
PREESTREA DE SALVAXE, SALVAXE
XOVES 13, 20:30H. TEATRO PRINCIPAL
A 20 MICE acolle a presentación, antes da súa estrea cines comerciais, da primeira longametraxe do guionista e director Emilio Fonseca, SALVAXE, SALVAXE (Galicia, 2024), Biznaga de Plata á mellor longametraxe documental na 27ª edición do Festival de Málaga e Mellor Documental (Competición Galicia) no 20 Festival Internacional de Cine Play-Doc.

Entradas no despacho de billetes da Zona C dispoñibles a partir do 6 de marzo e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
Emilio Fonseca
2024 Galicia
86 min. VOSG/SpX
“Cheiras iso?” A cámara adéntrase nos montes da Galiza e o norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. SALVAXE, SALVAXE rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Este ensaio fílmico é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados
Conversa con Emilio Fonseca. Salvaxe, salvaxe. Olladas alén do humano.
SÁBADO, 15 DE MARZO, 12:30H. ALA SUR (MUSEO DO POBO GALEGO)
Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.
Emilio Fonseca compartirá coas persoas participantes no coloquio o proceso creativo da súa longametraxe e as súas prácticas de aproximación e rexistro do salvaxe como formas de encontro, intercambio e acollida.
A sección Lindes ten un carácter formativo de interese para aquelas persoas que traballan tanto co audiovisual como coa antropoloxía e a historia.


Emilio FonsecA
Explora relacións entre humanos e non humanos desde a busca da xustiza interespecie, as similitudes e encontros entre comunidades de distintas especies que cohabitamos o planeta.
Guionista, director, debuxante, animador e docente en ámbitos de imaxe, funda en 2008 Walkie Talkie Films, traballando con linguaxes documentais e experimentais.
Autor dos ensaios sobre Antropoceno, simulacro e delirio Somos plaga e Soy muro (da serie de pensamento Soy Cámara (CCCB), o libro Imágenes: un dominio público (VVAA, CCCB, 2020), e as pezas televisivas Queimar o monte e Tallers Sonors. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional Chaco Ra’anga (AECID), creando a banda deseñada documental sobre conflitos ecosociais Verde Invisible (AECID, 2024).
SALVAXE, SALVAXE é a súa primeira longametraxe cinematográfica.
LINDES CON CINEASTAS EMERXENTES. AULA novos cinemas
DOMINGO 16, 19:00H. TEATRO PRINCIPAL
Entradas no despacho de billetes da Zona C dispoñibles a partir do 6 de marzo e, desde 1 hora antes da proxección, no Teatro Principal.
As pezas seleccionadas para esta sesión de Lindes proveñen dos obradoiros de titorización con cineastas que ven desenvolvendo ano tras ano, o festival pontevedrés Novos Cinemas dentro da súa sección AULA, en colaboración co campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e dos TFG de Comunicación Audiovisual da Facultade de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC.

C.O.I.A. Gala Rodríguez Estévez. 2024 I Galicia I 6’. Obradoiro con Álvaro Gago, 9ª ed.

A terra ten Glitch. Yasmina Farhani Luaces. 2023I Galicia I 7’ 10’’. Obradoiro con Berio Molina, 8º ed.

Galice, Galice. Yasmina Farhani Luaces. 2020 I Galicia I 7’. Obradoiro con Adrián Canoura, 6ª ed.

Hamalau. Bea Peres Fernandes. 2020 I GaliciaI 7’2’’. Obradoiro con Eloy Domínguez Serén, 5º ed.

As horas cegas. Lara e Noa Castro. 2019 I Galicia I10’. Obradoiro con Jaione Camborda, 4ª ed.

Manola das cañas. Sabela Souto. 2019 I Galicia I 11’56’’. Obradoiro con Jaione Camborda, 4ª ed.